Estes alumnos, que cursan o último ano na especialidade de Produción Animal, puideron intercambiar experiencias con alumnos e profesorado do Centro de Promoción Rural – EFA Fonteboa e persoal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo
A Consellería do Medio Rural, a través do persoal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), organizou esta semana unha visita didáctica por diversas explotacións gandeiras para un total de 18 estudantes da Universidade de Dronten, en Holanda.
Estes alumnos, que cursan o último ano na especialidade de Produción Animal e repiten por segunda vez a visita á nosa Comunidade, puideron intercambiar experiencias con alumnos e profesorado do Centro de Promoción Rural – EFA Fonteboa, sita en Coristanco. Alí mesmo, o investigador do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), César Resch, faloulles sobre o sector lácteo en Galicia e as diferentes liñas de investigación que no eido do leite se levan a cabo no CIAM.
Durante a súa estancia pola nosa Comunidade, os alumnos holandeses tamén coñecer o funcionamento de diversas explotacións, entre elas dúas da comarca de Bergantiños (Gandeiría A Pradeira S.C. e SAT Langueirón), granxas de carne e leite das zonas de Abadín, A Pastoriza e Palas de Rei; así como unha de tipo ecolóxico situada na comarca de Arzúa. Finalmente remataron a súa visita coñecendo a cooperativa ICOS e a fábrica de pensos AIRA.
A Consellería do Medio Rural impulsa este tipo de intercambios e visitas guiadas para fomentar e promover a calidade das nosas explotacións agrogandeiras, así como as investigacións que se levan nos distintos centros adheridos a este departamento.