Friday 27 de February de 2026

O CEIP Raquel Camacho súmase ao programa de musicoterapia impulsado polo Concello, que prevé ata 495 horas de sesións ao longo do ano


O programa, financiado a través da Fundación Emalcsa, atendeu o pasado curso a un total de 74 alumnas e alumnos coruñeses con necesidades de apoio educativo, grazas a metodoloxías innovadoras

O Goberno de Inés Rey reforza así a súa inclusión educativa e o benestar do alumnado con necesidades especiais

O Concello destaca a evolución positiva do programa de musicoterapia, destinado a alumnado con necesidades de apoio educativo. O curso 2024-2025 acadou excelentes resultados con 74 estudantes en tres centros. Para o curso 2025-2026, o proxecto renóvase con 53 alumnas e alumnos, incorpórase o CEIP Raquel Camacho e tense unha previsión de 495 horas de sesións ao longo do ano.

A Concellería de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica e a Fundación Emalcsa realizaron unha comisión de seguimento do programa municipal de musicoterapia, unha iniciativa pioneira que dende o ano 2024 está a transformar a vida de decenas de alumnas e alumnos con necesidades de apoio educativo en centros de ensino da cidade, en horario lectivo.

Durante o curso escolar 2024-2025, o programa atendeu a un total de 74 alumnos e alumnas en tres centros educativos da Coruña: o CEE Nosa Señora de Lourdes-Aspronaga, o CEE Nosa Señora do Rosario e o Colexio La Grande Obra de Atocha. As sesións, que se desenvolveron semanalmente dende outubro ata xuño, acumularon 413 horas presenciais de musicoterapia.

Os resultados obtidos superaron as expectativas iniciais. Segundo a memoria do proxecto, constatouse un avance moi favorable en catro áreas fundamentais do desenvolvemento. Na área psicomotriz rexistráronse melloras na coordinación, lateralidade, motricidade fina e grosa, e maior control do movemento no espazo. Na área vocal e linguaxe, obsérvanse avances na articulación, fonación, emisión da voz e desenvolvemento da comunicación verbal e non verbal. Na área afectivo-cognitiva destaca o incremento dos procesos de atención, memoria, concentración, creatividade e xestión emocional. E na área de interacción social apreciouse unha mellora na toma de quendas, flexibilidade na acción co outro e establecemento de vínculos co contorno.
“Constatouse que a constancia e a continuidade da musicoterapia nas aulas creou un hábito-rutina no alumnado que é moi favorable para conseguir os obxectivos perseguidos”, destaca Iria Rajal, coordinadora do proxecto e pedagoga musical. Entre os logros máis salientables, rexístrase que moitos estudantes xa teñen capacidade para tocar partituras musicais, aprenderon as bases do solfexo clásico e desenvolveron recursos de expresión emocional a través da música.

Un curso con máis alumnado e novos centros

Para o curso escolar 2025-2026, o programa renóvase con importantes novidades. O proxecto beneficiará a 53 estudantes distribuídos en tres centros educativos. No CEE Nosa Señora de Lourdes-Aspronaga participarán 20 alumnos e alumnas con idades entre 8 e 16 anos e as sesións desenvolveranse os mércores. No CEIP Raquel Camacho, que se incorpora ao programa tras participar no programa piloto en 2020-2021, recibirán musicoterapia 16 estudantes con idades entre 4 e 10 anos, coas sesións programadas para os martes. E no Colexio La Grande Obra de Atocha participarán 17 alumnas e alumnos, con sesións os xoves.

A incorporación do CEIP Raquel Camacho representa unha das principais novidades desta edición, ao ampliar así o impacto do programa a un centro de educación ordinaria con aulas de apoio educativo. Esta ampliación permite atender a estudantes de idades máis temperás, dende os catro anos. Pola súa banda, o CEE Nosa Señora do Rosario, que participou no curso 2024-2025, deixa paso a este novo centro nesta edición do programa.

Metodoloxía innovadora: técnicas activas e receptivas

O programa, pioneiro a nivel nacional pola súa incorporación na axenda lectiva, emprega unha metodoloxía baseada no Modelo plurimodal de musicoterapia, que combina técnicas activas (improvisación musical terapéutica, creación de cancións, uso selectivo de música editada e técnica EISS de estimulación de imaxes e sensacións a través do son) con técnicas receptivas de vibroacústica e sonoterapia, e utiliza instrumentos específicos, como diapasóns terapéuticos e cuncos de cristal de cuarzo e tibetanos. A selección do alumnado realízase mediante criterios rigorosos establecidos polos equipos directivos e orientadores de cada centro; dáselles prioridade aos casos con maiores necesidades de apoio educativo e establécese a compatibilidade de obxectivos para favorecer o traballo grupal cando sexa posible.

Unha aposta municipal pola inclusión

Este programa, financiado integramente pola Fundación Emalcsa, a través dunha licitación pública, e promovido polo Concello, reflicte o compromiso do Goberno de Inés Rey coa inclusión educativa e o benestar do alumnado con necesidades especiais.

O executivo local aposta pola música como ferramenta de transformación social e educativa, ao recoñecer o seu valor para promover a inclusión e garantir o acceso a unha educación de calidade para todos os colectivos, especialmente aqueles en situación de maior vulnerabilidade. A través deste proxecto, o Concello pon en valor a diversidade como motor de cambio social, fortalece os vínculos comunitarios e aposta pola arte e a cultura como elementos esenciais para o desenvolvemento integral das persoas.

Os centros educativos destacan especialmente a comunicación fluída e o traballo multidisciplinar entre a profesional de musicoterapia, o profesorado titor, os/as orientadores/as e outros/as especialistas, o que permite adaptar continuamente os obxectivos de intervención ás necesidades reais de cada estudante.

Deja un comentario