O luns a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director da Volta Ciclista a España, Javier Guillén, asistirán á gravación do spot no Balneario de Laias
A cantante galega Marta Sánchez interpretará a canción oficial da Volta Ciclista a España 2016, sintonía que tamén será a base do spot de promoción do evento.
A gravación do spot rodarase integramente en terras galegas e a súa emisión en Televisión Española estenderase entre os meses de xullo e setembro. Tanto para a interpretación da canción coma para a gravación do anuncio, Marta Sánchez contará coa colaboración de dous artistas galegos, Daniel Minimalia e Anxo Lorenzo.
O vindeiro luns, día 25 de abril, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director da Volta Ciclista a España, Javier Guillén, asistirán á gravación do spot no Balneario de Laias para poder recoller as impresións de todos os participantes.
Marta Sánchez, natural da Coruña, comezou a súa carreira musical en 1986 formando parte do grupo Olé Olé. En 1993 empezou a súa etapa como solista e nos seus trinta anos como artista superou a cifra de 8 millóns de discos vendidos.