Friday 27 de February de 2026

O PSdeG esixe á Xunta a reparación inmediata dos centros educativos de Santiago e acusa ao PP de mirar para outro lado


Aitor Bouza denuncia que o Partido Popular “mira para outro lado” mentres a comunidade educativa leva meses reclamando actuacións urxentes.

Os socialistas levarán ao Parlamento galego a esixencia de incorporar nos orzamentos de 2026 partidas específicas para actuar no CEIP Santiago Apóstolo e no CEIP de Fontiñas.

O PSdeG apoia a mobilización deste sábado da comunidade educativa en defensa de máis profesorado e recursos.

O deputado no Parlamento de Galicia e secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, reclamou á Xunta de Galicia que asuma “xa” a reparación das deficiencias existentes nos centros educativos da cidade e deixe de “mirar para outro lado” ante unhas demandas que, segundo lembrou, veñen sendo reiteradas pola comunidade educativa.
Bouza asegurou que o PSdeG vai “facer gala de compostelanismo” defendendo os intereses das veciñas e veciños de Compostela e reclamando o que “xustamente a comunidade educativa reclamou no Pleno, que se reparen os centros educativos desta cidade”.
O dirixente socialista cuestionou a actitude do Partido Popular e do seu portavoz municipal, ao considerar que non está a exercer presión ante a Xunta, e afirmou que “non entendemos como non se dirixe á Xunta de Galicia, ao conselleiro de Educación, para que fixera todas as reparacións necesarias nesta cidade en todos e cada un dos centros educativos”, nun momento no que as demandas son públicas e reiteradas.
Bouza puxo o foco en dous casos concretos, o CEIP Santiago Apóstolo e o CEIP de Fontiñas, e advertiu de que no primeiro a falta dunha rehabilitación integral “leva meses, por non dicir anos”, especialmente no que atinxe á cuberta e ás infraestruturas deportivas, unha situación que cualificou de inxustificable.
Neste contexto, Bouza ironizou coa actitude dalgúns responsables políticos e asegurou que “non sabemos se van facer recollidas de sinaturas ou grandes declaracións públicas, pero o que hai que facer é arranxar as deficiencias”, lembrando ademais que estas carencias “non son novas” e que levan demasiado tempo sen solución.
O deputado socialista anunciou que o PSdeG levará ao Parlamento de Galicia a esixencia de incorporar nos orzamentos de 2026 partidas específicas para actuar de maneira urxente nestes centros, porque é a propia comunidade educativa quen leva tempo reclamando solucións e porque, tal e como subliñou, “Santiago non pode esperar”.
Ademais das infraestruturas, Bouza advertiu de que a comunidade educativa tamén “está padecendo eses recortes educativos que leva a cabo o Partido Popular”, nomeadamente pola falta de profesorado para alumnado con necesidades educativas e de especialistas en pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe.
O PSdeG de Santiago manifesta o seu apoio á mobilización convocada para este sábado e ás reivindicacións da comunidade educativa, e participará na concentración para esixir máis medios e recursos, en coherencia co compromiso de “escoita activa da comunidade educativa” reivindicado durante a rolda.
Para concluír, Bouza afirmou que “Santiago merece compromiso real coa educación pública”, insistindo en que ese compromiso debe materializarse “tanto nas infraestruturas como no profesorado”.
Sobre o contrato da auga
En resposta ás preguntas dos xornalistas, Bouza cargou contra a postura mantida polo portavoz do Partido Popular no Pleno e cualificouna de “absoluta irresponsabilidade”, ao considerar que “dicía que faría unha cousa e a contraria na mesma frase”, nun asunto estratéxico para a cidade.
O dirixente socialista advertiu de que esa actitude “non pode castigar aos veciños e veciñas de Compostela” e subliñou que “a irresponsabilidade do Partido Popular a que a vai pagar a día de hoxe é a veciñanza de Compostela”, especialmente no rural, onde as melloras nas infraestruturas hidráulicas seguen pendentes. Ao seu xuízo, non se pode volver comezar de cero nun tema que afecta directamente ao futuro da cidade.

Deja un comentario