Transmite a Santilli a relevancia que, como responsable do Goberno galego, tivo poder reunirse co presidente de Arxentina; poder coñecer de primeira man cal será a folla de ruta do país durante o seu mandato e tender a man para colaborar na modernización do país
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou ao vicexefe do Goberno da Cidade Autónoma de Bos Aires, Diego Santilli, o agradecemento pola acollida nunha viaxe que, segundo afirmou, está a permitir estreitar as relacións institucionais e culturais entre Galicia e a capital arxentina.
Como proba deste bo recibimento, Feijóo transmitiu a Santilli a relevancia que, como responsable do Goberno galego, tivo poder reunirse onte co presidente de Arxentina, Mauricio Macri; coñecer de primeira man cal será a folla de ruta do país durante o seu mandato -centrada na economía-, e tender a man para colaborar na modernización do país, na modernización das súas infraestruturas e dos servizos públicos.
O titular da Xunta quixo tamén felicitar á cidade pola extraordinaria organización da 42 Feira Internacional do Libro de Bos Aires que, tendo a Santiago de Compostela como cidade invitada de honor, contribúe a manter vivos os lazos con Galicia, coa súa cultura e coa súa lingua.
Feijóo destacou tamén a oportunidade que, como invitado, lle brinda a cidade de poder saudar á colectividade galega durante a celebración, o próximo sábado, da festividade Bos Aires celebra Galicia, que terá lugar na avenida de Maio. Un certame que, sen lugar a dúbidas, contribúe a manter vivo o espírito da colectividade.
Hóspede de Honra da cidade
Ademais de ser nomeado onte Visitante Distinguido, o responsable do Goberno galego recibiu tamén esta tarde de mans da vicepresidenta primeira da Lexislatura de Bos Aires o título de Hóspede de Honra da cidade; unha distinción que xa recibira en 2009 con motivo da súa primeira visita institucional ao país como presidente da Xunta.
Feijóo referiuse a esta distinción como unha expresión máis da hospitalidade desta urbe “que se por algo se caracteriza é por saber acoller aos forasteiros como case ningún outro lugar do mundo”. E, se ben agradeceu o título, recoñeceu non sentirse nunca hóspede nesta cidade, xa que é imposible sentirse estranxeiro nunha terra onde viven máis de 150.000 galegos. “Galicia está e estará sempre onde estea un galego”, dixo, destacando a nosa capacidade para compartir identidades e facer unha Galicia máis global e universal, ao que engadiu tamén que “os galegos non están en Bos Aires, son Bos Aires”.
O titular do Goberno galego lembrou que ao igual que a galeguidade é un sentimento vivo, “que une aos que se quedaron aquí a pesar de estar a miles de quilómetros da súa terra”; Arxentina e Bos Aires tampouco son para Galicia un recordo do pasado, “é máis, atópanse nas mellores expresións do noso presente”.
Sobre este punto, aseverou que se a historia dos galegos que buscaron unha vida mellor nesta cidade, neste país e en toda Sudamérica foi unha historia de dignidade, é porque a outra parte, a sociedade de acollida, é unha sociedade digna. “E ese é o recoñecemento unánime que todos os galegos, os de aquí e os de alí, lle fan a Arxentina todos os días”, abundou.
Por ultimo, Feijóo reivindicou a importancia dos galegos no exterior para alcanzar a estabilidade “que facilite a creación de riqueza e emprego para os que están dentro e tamén no establecemento dunhas relacións estreitas e duradeiras cos que están fóra”. “Para iso é necesario contar cas catro provincias que compoñen o noso territorio, pero tamén con todos os galegos que se atopan ao longo do mundo”, incidiu.