· Un total de 455 alumnos e alumnas dos centros de educación primaria do municipio gozarán das catro funcións, que se realizan como parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
O Concello volverá inculcar ao alumnado de educación primaria a paixón polas artes escénicas. Farao coa nova edición da Mostra de Teatro Escolar, que aterrará no municipio con catro funcións pertencentes á Rede Cultural da Deputación da Coruña. A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, presentou a programación, na que participarán “455 estudantes dos centros de ensinanza”, subliñou. O obxectivo non é outro “que achegar ás novas xeracións esta disciplina cultural, descubríndolles historias nas que se tratan cuestións como a amizade e a cooperación, a igualdade, a importancia da cultura e identidade propias, etc.”. Todas as representacións terán lugar no Teatro do Cine Elma ás 11.30 horas.
A primeira obra en saír á escena será Pepiña Maruxiña quere voar, do grupo Barafunda Animación (3 de marzo). Estará dirixida aos nenos e nenas do Centro Monte Carmelo, da EEI de Vilariño, da Escola de Educación Infantil da Granxa e da EEI da Angustia. A historia está protagonizada por Pepiña, unha pequena maruxiña galega que busca a alguén que lle axude a voar. Na súa procura, vai coñecendo os diferentes insectos e animais que habitan o xardín. Este contacontos está baseado na tradición popular pola que se cría que ao cantarlle ás maruxiñas, estas voaban.
Inventi Teatro tomará a remuda o 10 de marzo con A libraría máxica. Ese día, os cativos e cativas do CEP Plurilingüe Pilar Maestú Sierra e de terceiro de primaria do CEP Plurilingüe Salustiano Rey Eiras gozarán desta función ambientada nunha librería que conta cunha proposta de lectura para cada persoa e ocasión. E iso é algo que se debe aos dous simpáticos libreiros que rexentan o negocio. Trátase dunha divertida peza que rende homenaxe ao pequeno comercio e ás tendas de barrio e co que se transmitirá aos rapaces o amor pola literatura e a lingua galega.
O día 12 de marzo será a quenda de Teatro Ghazafelhos con Travesía Unicornio. Ese día, a rapazada da EEI Fernández Varela e 1º e 2º de primaria do CEP Plurilingüe Salustiano Rey Eiras poderá escoitar a historia de como un neno e o seu unicornio atopan cunha xenia que lles promete facer realidade os seus desexos, sempre que aprendan a escoitarse, aceptarse e respectar tamén os das demais persoas. A través do humor, Travesía Unicornio cambia os roles tradicionais de xénero e abre a porta a que os nenos e nenas decidan libremente sobre os seus gustos.
Ao día seguinte, Raquel Queizás e o seu Cinema de historias da man de Alice Guy será a encargada de pór o broche final á Mostra de Teatro Escolar o 13 de marzo. A obra interpretarase para os estudantes de 4º, 5º e 6º do CEP Plurilingüe Salustiano Rey Eiras. Mesturando a narración co teatro e o cinema, esta representación procurará transmitir aos nenos e nenas a paixón pola sétima arte. En concreto, será Alice Guy, considerada a nai do cinema, quen esperte a curiosidade dos alumnos. A obra buscará dar a coñecer a traxectoria desta muller, a primeira persoa en dirixir unha película de ficción contando unha historia.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.