Saturday 28 de February de 2026

José Roberto Fernández, recoñecido co II Premio Bernardino de Lamas


Nacido no Bierzo pero asentado en Valdoviño, Fernández López leva décadas dedicando boa parte do seu tempo libre á filmación da natureza e a fauna salvaxe

O realizador José Roberto Fernández López (Villafranca del Bierzo, 1955) é o ganador do II Premio Bernardino de Lamas que outorga o Concello de San Sadurniño como recoñecemento a aquelas persoas destacadas polo seu activismo no cinema amador. O xurado do galardón, integrado polo equipo organizativo do Chanfaina lab, destacou no seu fallo a fonda relación de Fernández coa paisaxe e a cultura galegas, ademais da súa afinidade co espírito libre e experimental do encontro audiovisual que se celebra en San Sadurniño. O galardón, consistente nunha figuriña artesá das Lolas da Cascarilla, seralle entregado dentro dunha semana, o sábado 7 de marzo, no transcurso da gala de estrea das curtas da décima edición do festival, que se celebrará na Casa da Cultura.

A decisión foi adoptada por deliberación democrática entre as candidaturas propostas polas persoas integrantes do xurado, composto polo equipo organizativo do X Chanfaina lab. No caso de José Roberto Fernández López valorouse especialmente unha traxectoria “comprometida co cinema de natureza” da que resultou “unha ampla filmografía centrada nas paisaxes, na fauna e na flora de Galicia”.

Nado en Villafranca del Bierzo (León) en 1955 e residente en Valdoviño desde 1984, Fernández López é biólogo e profesor xubilado de ensino secundario. O seu interese polo cinema de natureza comezou nos tempos do formato Súper 8 e continuou posteriormente co vídeo analóxico e dixital, sempre enfocado nas mensaxes ambientais “que el produciu cos seus propios medios e recursos”, destaca o xurado.

Ao longo da súa traxectoria obtivo numerosos premios nacionais de fotografía, cine e vídeo relacionados coa natureza, como por exemplo os outorgados polo Ministerio de Educación e Ciencia e polo certame de Investigación Científica e Técnica “Ingeniero Comerma” de Ferrol. A súa produción máis recente é unha longametraxe documental dedicada á Lagoa de Valdoviño, exemplo da súa querencia pola divulgación ambiental e a posta en valor do patrimonio natural galego.

José Roberto Fernández López recibirá o Premio Bernardino de Lamas na tarde do sábado 7 de marzo, xusto ao comezo da gala de estrea das curtametraxes filmadas o pasado mes de setembro dentro do X Chanfaina lab.

O galardón non ten dotación económica, pero si simbólica, xa que leva por nome un dos alcumes cos que asinou os seus artigos o xornalista, intelectual galeguista e cineasta afeccionado Alfonso Piñón Teixido (Ferrol, 1887 – Madrid, 1973). O Concello de San Sadurniño instituiu o premio en 2025 coa vontade de distinguir unha persoa viva comprometida co cinema non profesional, valorando a independencia creativa, a coherencia, a relación coa identidade galega e a afinidade co espírito libre do Chanfaina lab. Na súa primeira edición o premio recaeu no escritor, profesor e cineasta experimental Alberte Pagán.

Deja un comentario