Thursday 26 de February de 2026

O concello convoca a unha reunión informativa aos titulares das parcelas afectadas pola ampliación do parque empresarial


Celebrarase o próximo martes na Casa da Cultura a partir das 18:30 h.

O Concello vai realizar o martes da próxima semana (3 de marzo) ás 18:30 horas na Casa da Cultura unha reunión informativa dirixida exclusivamente ás persoas titulares das parcelas afectadas pola aprobación inicial do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial para a ampliación do parque empresarial da Laracha.
A reunión ten carácter exclusivo para os propietarios incluídos no ámbito do plan, dado que son os directamente afectados polo procedemento actualmente en tramitación. As persoas ás que se convocada están a recibir nestes días a comunicación do Concello para garantir que todas elas dispoñan da información necesaria e poidan asistir á reunión, se así o consideran oportuno.
A convocatoria prodúcese trala notificación realizada pola Xunta de Galicia aos titulares das referencias catastrais afectadas e a apertura do correspondente período de información pública para remitir contribucións e opinións. Neste contexto, o Concello considera conveniente complementar ese trámite cun espazo presencial no que explicar de maneira clara o contido do plan e o estado do procedemento.
Durante o encontro trasladarase a información dispoñible sobre a ordenación prevista, aclararanse cuestións técnicas e administrativas e ofrecerase orientación sobre o proceso de presentación de observacións ante a Xunta dentro do prazo establecido, que remata o 11 de marzo. A asistencia é voluntaria, e en ningún caso substitúe os trámites individuais que cada titular poida exercer no marco do procedemento legalmente regulado.
Un proxecto estratéxico para o futuro da Laracha
A ampliación do parque empresarial constitúe unha actuación de relevancia para o desenvolvemento económico e social da Laracha. O alto nivel de ocupación actual do polígono evidencia a necesidade de dispoñer de novo solo industrial que permita atender a demanda existente, favorecer a implantación de novas empresas e facilitar o crecemento das xa asentadas no municipio.
Desde o Concello enténdese que este proxecto reforzará a posición competitiva da Laracha dentro de Galicia, ampliando a súa capacidade de atracción de investimento produtivo e contribuíndo á creación de emprego estable e de calidade. Ao mesmo tempo, permitirá avanzar nunha planificación ordenada e a medio prazo do solo empresarial.
Ao mesmo tempo, o Concello subliña que o avance dunha iniciativa estratéxica destas características debe ir acompañado dun proceso informativo e participativo no que as persoas afectadas conten con toda a documentación, poidan formular as dúbidas que estimen necesarias e exerzan plenamente os seus dereitos dentro do período de información pública. A reunión do próximo martes enmárcase precisamente nesa vontade de proximidade, claridade e acompañamento institucional.

Deja un comentario