• Tras a limpeza da parcela impulsada polo goberno local, a Dirección Xeral de Xustiza supervisa o inicio do proceso de retirada e destrución.
Día sinalado para Ribeira coa visita do Director Xeral de Xustiza, José Tronchoni, para supervisar o inicio do proceso de retirada e destrución dos vehículos abandonados situados nas inmediacións do Xulgado e na entrada da subida ao Parque Periurbano de San Roque.
Trátase de vehículos que levaban máis de 30 anos neste emprazamento, froito de distintas operacións xudiciais, e que co paso do tempo acabaron converténdose nun foco de degradación e nunha imaxe de abandono e insalubridade nun punto especialmente sensible da vila tanto pola súa proximidade ás dependencias xudiciais e vivendas como por constituír a porta de acceso ao pulmón verde do municipio.
Para poder proceder á súa retirada era imprescindible acceder aos números de bastidor, algo que resultaba imposible debido ao estado de maleza da parcela. Co obxectivo de desbloquear definitivamente o procedemento, o Concello de Ribeira procedeu á limpeza integral do terreo, permitindo así o acceso por parte da Garda Civil e da Dirección Xeral de Tráfico para a identificación dos vehículos.
Este avance é tamén o resultado dun traballo que xa na anterior etapa municipal, comezou a impulsar María Sampedro, daquela como concelleira, iniciando as xestións necesarias para desatascar unha situación que levaba décadas sen solución. Hoxe, como alcaldesa, culmina ese compromiso coa retirada definitiva dos vehículos.
Dende o Concello quérese agradecer expresamente a colaboración da Dirección Xeral de Xustiza e das distintas administracións implicadas, cuxa coordinación fixo posible que este proceso avance cara á súa resolución definitiva nos vindeiros días.
O goberno local reafirma así o seu compromiso coa mellora do espazo público e continuará traballando para que situacións de abandono e feísmo desaparezan do noso concello, dignificando os accesos urbanos e coidando a imaxe de Ribeira.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.