O Concello de San Sadurniño desenvolverá ao longo de todo o mes entrante unha ampla programación arredor do 8M, Día Internacional da Muller, que este ano estará integramente dedicada ás mulleres no mundo das artes. Desde o 2 até o 31 de marzo, a área de Igualdade ofreceranos exposicións, obradoiros, cine para a rapazada, literatura e propostas escénicas que poñen o foco na creación feminina e na necesidade de seguir avanzando niso, nunha igualdade plena. As citas previstas, que contan co apoio da Rede Cultural e tamén de entidades do territorio como a Asociación Brío ou Xuntanza de Lamas, busca visibilizar o talento das mulleres, recoñecer as súas achegas históricas e contemporáneas e xerar espazos de reflexión compartida. O programa completo pode consultarse nesta ligazón e tamén no Google Calendar do Concello.
A programación, ilustrada nesta ocasión polos artistas gráficos feministas Juanlu Nacha e Leandro Lamas, arranca este luns 2 de marzo ás 19:30h coa inauguración da exposición “Serea de Cores”, de Carme Romero Díaz, na galería da Casa do Concello, onde permanecerá até o 28 de marzo. A mostra parte dunha cantiga romance composta pola propia artista en 2013, na que unha serea relata unha historia sobre o mal querer e as súas consecuencias. A partir deste fío narrativo xorde un conxunto artístico integrado por acuarelas e pinturas cerámicas que dialogan coas ilustracións de Francisco Pérez Porto, recoñecido pola súa traxectoria vinculada a Sargadelos e á renovación da cerámica tradicional galega. O acto contará coa participación da concelleira de Igualdade, Ara Bellas, e cun recital de zanfona e voz a cargo de Candela Quintía Romero, acompañada pola propia artista.
O venres 6 de marzo, ás 11:30h, adiantarase o tradicional colgado da bandeira feminista no balcón do Concello, que permanecerá visible durante todo o mes. Na mesma xornada repetirase o xesto simbólico do pendurado de mandís, unha acción que quere visibilizar o peso dos coidados, asumidos maioritariamente por mulleres, e reivindicar o seu valor social e económico. Ao acto sumaranse servizos esenciais como a EIM A Rolada e o Centro de Día, que participarán coas súas casacas e mandís elaborados polas crianzas e persoas usuarias. Ademais, previamente, a rapazada da escola infantil asistirá a un “Contacontos pola Igualdade” a cargo de Picariños.
O propio 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, o edificio do Concello iluminarase en lila como mostra de apoio ás reivindicacións feministas. Esa mesma xornada, a iso das 20:00h, publicarase nas redes sociais municipais unha nova entrega do espazo “Falando sen Cancelas”, conducido pola Axente de Igualdade. Nesta ocasión, a convidada será a oboísta Iria Folgado Dopico, quen compartirá a súa experiencia profesional e reflexionará sobre os obstáculos, referentes e retos pendentes para as mulleres no ámbito musical.
A literatura tamén terá un lugar destacado cunha exposición de libros sobre igualdade na Casa da Cultura, organizada en colaboración coa Biblioteca Municipal, que poderá visitarse do 10 ao 31 de marzo. Ademais, o club de lectura abordará a obra “Hasta que empieza a brillar”, de Andrés Neuman, centrada na figura de María Moliner, autora do “Diccionario de uso del español”. A lectura servirá para analizar as dificultades que tivo que afrontar a lingüista para que o seu traballo fose recoñecido nun contexto marcado pola discriminación de xénero.
O 13 de marzo ás 18:30h, a Casa da Cultura acollerá a II Pixamada en Igualdade, organizada en colaboración coa Asociación Brío. Nesta ocasión proxectarase a película de animación “Elemental”, que narra a historia de Candela, unha moza que soña con ser artista nun mundo cheo de prexuízos. A actividade está pensada para o público infantil, que poderá asistir en pixama e coa súa manta, e incluirá un pequeno faladoiro posterior para afondar nos valores que transmite o filme, como a amizade na diversidade e a importancia de perseguir os propios soños.
A programación continuará o 21 de marzo ás 19:00h co espectáculo de narración oral “Bailen as vellas. Os Contos das cereixas”, da compañía XaropeTulú, dirixido a público maior de 14 anos. As narradoras Atenea García e Vero Rilo reivindican, a través da palabra, a música e a memoria oral, o papel das mulleres como transmisoras de cultura e creadoras en lingua galega. O espectáculo, accesible en lingua de signos, está financiado pola Rede Cultural e pon o acento na tradición viva e na forza das voces femininas.
Como peche do mes, o 28 de marzo celebrarase un obradoiro de iniciación á cerámica con Carme Romero no Local Social de Lamas, en colaboración coa AVV Xuntanza de Lamas. A proposta permitirá ás persoas participantes crear pezas en barro inspiradas en referentes femininos do mundo das artes ou en mulleres significativas das súas propias vidas. Unha actividade participativa que reforza o fío condutor deste 8M en San Sadurniño: poñer en valor ás mulleres creadoras, recoñecer o seu legado e seguir abrindo camiños para a igualdade real tamén no ámbito cultural.
Todas as actividades da programación son gratuítas. Para obter máis información ou inscribirse no obradoiro e na pixamada infantil pódese contactar coa Técnica Municipal de Igualdade no correo oriana.lopez@sansadurnino.gal ou no teléfono/Whatsapp 673 903 922.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.