Thursday 26 de February de 2026

Aprobada a suspensión cautelar de licenzas para implantar novos usos de hospedaxe en edificio exclusivo en inmobles de uso residencial


O Pleno acordou a suspensión cautelar de licenzas para implantar novos usos de hospedaxe en edificio exclusivo en inmobles de uso residencial, en certas zonas da cidade e durante o prazo máximo dun ano. O concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, defendeu a proposta do goberno para perfeccionar a normativa urbanística e evitar a transformación de edificios residenciais en inmobles de uso turístico.

“Consideramos oportuno ir máis alá coa regulación do uso turístico do parque residencial revisando os requisitos de implantación do uso de hospedaxe en edificio exclusivo, con especial atención aos edificios residenciais, cun obxectivo principal que guía moitas outras actuacións deste goberno: protexer o tecido residencial e o tecido comercial”, defendeu Iago Lestegás.

Esta proposta de suspensión cautelar estará activa mentres se perfecciona a normativa urbanística para evitar a transformación de edificios residenciais en apartamentos turísticos. Ten unha duración máxima dun ano e extinguirase coa aprobación inicial da reforma do planeamento que está en estudo. Como explicou o concelleiro, o obxectivo non é prohibir o uso de hospedaxe en edificio exclusivo no PXOM como se fixo hai anos no Plan especial da cidade histórica (onde non están permitida a implantación de novos usos de hospedaxe), senón analizar “como se debe implantar ese uso “para non desprazar o residencial nin o comercial”.

Cómpre lembrar que o Decreto 12/2017 da Xunta de Galicia distingue tres categorías: vivendas de uso turístico (VUT), vivendas turísticas (VT) –que son aloxamentos en vivendas unifamiliares– e apartamentos turísticos (AT) –bloques de pisos ou outras edificacións dedicadas na súa totalidade ao aloxamento turístico–.

Durante a defensa da proposta, o concelleiro de Urbanismo e Vivenda lembrou que a normativa do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobada hai tres anos (2023) permite o uso de hospedaxe en edificio exclusivo na maior parte das súas ordenanzas residenciais. A normativa sectorial autonómica, engadiu Lestegás, “está a favorecer” a substitución do modelo tradicional de hotel (con recepción, restaurante, ximnasio, salas de reunións, etc) por un novo modelo de edificio integramente dedicado ao alugueiro turístico por apartamentos, que se adapta mellor ao perfil de certos usuarios, reduce a necesidade de contratación de persoal e a prestación de servizos e que, en moitos casos, necesita investimentos moito menores para a súa implantación. “E a normativa urbanística aprobada en febreiro de 2023 non impide a proliferación dese modelo”, constatou.

Con todo, Lestegás indicou que a súa implantación non é habitual nin é doada en edificios de vivenda colectiva con división horizontal, porque habería que adquirir varias propiedades en mans de diferentes persoas, pero si pode selo cando non existe división horizontal ou cando, aínda existindo, o edificio pertence a unha única persoa ou a varias en condominio.

O Concello tamén pretende protexer o tecido comercial. Por iso, no estudo tamén se terá en conta que a normativa en vigor esixe que o uso de hospedaxe do grupo I (que é o que se desenvolve en establecementos especificamente dedicados a esa actividade, non en vivendas) se implante en edificio exclusivo, e só permite usos auxiliares ou complementarios asociados ao principal dentro do mesmo establecemento. Isto pode favorecer a desaparición de comercios existentes na planta baixa de edificios que se pretendan dedicar ao uso de hospedaxe.

Lestegás lembrou que a propia normativa do PXOM prevé a posibilidade e necesidade de activar mecanismos de control cando existan solicitudes de cambio de uso de edificios completos que poñan en risco o tecido residencial.

Ámbito da suspensión

O ámbito territorial da suspensión abrangue os edificios existentes de uso residencial nos ámbitos que se relacionan na proposta de acordo:

– Ordenanza 1 (Ensanche)

– Ordenanza 2 (Cuarteirón)

– Ordenanza 3 (Edificación en liña)

– Ordenanza 4 (Edificación aberta)

– Ordenanza 7 (Cuarteirón Variante zona sur)

– Ordenanza 9A (Actuacións unitarias consolidadas de vivenda colectiva)

– Ordenanza OE-1 R (Vista Alegre)

– Ámbito regulado pola Modificación puntual para a creación da OE-7 (República do Salvador 12 e Xeneral Pardiñas 26)

– Ámbitos regulados polos estudos de detalle das antigas ordenanzas OE-1 (Rosalía de Castro-Feáns) e OE-3 (Galeras)

Inclúe tamén algúns ámbitos do Plan especial da cidade histórica, concretamente:

– Quinteiros 5305 e 5701 (rúa da Senra 1 a 29, Xeneral Pardiñas 1, e Carreira do Conde 1 a 17)

– U-18 (rúas Rapa da Folla, Montero Ríos 46 a 52, e Rosalía de Castro 1, 3, 5)

Deja un comentario