Thursday 26 de February de 2026

O PSdeG acusa ao PP de antepoñer intereses partidistas á solución do Ciclo Integral da Auga en Santiago


Guinarte denuncia que o portavoz popular, o señor Verea, prefire atrasar a licitación para poder controlala se chega á Alcaldía en 2027, en lugar de garantir agora unha solución para a cidade.

Os socialistas cualifican esta postura de “falta absoluta de responsabilidade” e advirten de que a xestión da auga é un servizo esencial que non pode quedar supeditado a estratexias electorais.

O PSdeG critica tamén que o BNG non apoiase a proposta socialista de iniciar xa o proceso de licitación, malia que Santiago, o seu rural e as instalacións do río Tambre non poden seguir esperando.

O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, denunciou no Pleno municipal celebrado hoxe o que cualificou como unha “mostra moi evidente da falta de compromiso do Partido Popular especialmente coa cidade de Santiago” en relación coa concesión do Ciclo Integral da Auga.
Segundo explicou Guinarte, o portavoz do Grupo Popular, Borja Verea, recoñeceu expresamente que, no caso de ser alcalde en 2027, iniciaría a redacción dos pregos para a concesión, pero rexeitou apoiar que o Concello licite xa ese contrato. Ao seu xuízo, esa posición evidencia que “non quere resolver o problema, os problemas, que son moitos, da xestión da auga en Santiago de Compostela, senón que o que quere é controlar a saída da concesión se é alcalde no ano 27”.
Guinarte criticou que o PP antepoña un cálculo político á necesidade de dar resposta inmediata ás necesidades da cidade e cualificou esa postura de “falta absoluta de responsabilidade”.
O voceiro socialista lembrou que a proposta defendida polo grupo socialista na Comisión do Ciclo Integral da Auga apostaba por iniciar de maneira inmediata o proceso de licitación da nova concesión, ao considerar que a situación actual require solucións urxentes.
Porén, segundo denunciou, tampouco o Goberno municipal, especialmente o BNG, amosou responsabilidade ao non apoiar esta iniciativa. “Santiago non pode esperar, o rural de Santiago non pode esperar, as instalacións para extracción de auga do río Tambre non poden esperar”, advertiu, insistindo en que demorar a saída da concesión supón ir “en contra dos intereses dos veciños e das veciñas de Santiago”.
Para os socialistas, a xestión do Ciclo Integral da Auga é unha cuestión estratéxica que require visión de cidade e responsabilidade institucional, e non pode quedar condicionada a intereses partidistas nin a cálculos electorais.
Guinarte instou tanto ao Partido Popular como ao Goberno municipal a abandonar a confrontación e asumir a urxencia de iniciar o proceso de licitación, ao considerar que garantir un servizo esencial como o da auga debe estar por enriba de calquera estratexia política.

Deja un comentario