O depósito e residuos sitúase no exterior do local en que adestra o equipo de taekowndo e se imparten aulas de música que xa denunciara polo seu mal estado
“Eestas instalacións un exemplo do desastre da xestión municipal, tanto dentro como fóra”, sinala o portavoz nacionalista, Juan David Sixto
O responsábel municipal do BNG, Juan David Sixto, esixe ao goberno municipal que retire de maneira inmediata o vertedoiro de lixo que acumulou á beira das naves onde se imparten aulas de música e adestra o equipo local de taekwondo. A denuncia súmase á realizada hai quince días, na que o BNG criticara o lamentábel estado das instalacións no seu interior, sen que, polo momento, o goberno municipal realizara ningunha actuación para solucionalo.
O BNG volve sobre o deterioro das instalacións municipais, neste caso arredor dunha edificación na que a rapazada asiste a aulas de música e adestramento de taekwondo, para denunciar que o propio goberno municipal xerou a súa beira un vertedoiro de lixo de dimensións considerábeis con residuos sólidos que acumulou nos últimos tempos. “O que é xa o colmo é que sexa o propio Concello o que xere ese lixo e o deposite xusto á beira dunhas instalacións municipais pública, que cada día visitan ducias de rapaces e rapazas e as súas familias”, denuncia Juan David Sixto.
As fotos evidencian a inxente cantidade de lixo acumulado no exterior dunhas instalacións que tan só hai quince días foron obxecto doutra denuncia por parte do BNG local que presentou unha iniciativa para que o goberno municipal actuara de maneira urxente para solucionar o “penoso estado” en que se atopaba a nave e os materiais interiores.
“Esiximos entón unha intervención urxente polo perigo que supón para as persoas usuarias xa que chove dentro do espazo que utiliza a Asociación de Taekwondo, mesmo cerca das instalacións eléctricas”, sinala o responsábel do BNG en Santa Comba.
“Alertamos da irresponsabilidade que supón manter así as instalacións sen executar ningunha actuación de mellora e agora temos que engadir que o goberno municipal non só non fixo nada senón que é tamén responsábel do estercoleiro que acumularon no exterior”, sinala Juan David Sixto que lamenta que sexa o propio concello quen dá tan mal exemplo ao non depositar o lixo no lugar que lle corresponde senón á beira dunhas instalacións públicas municipais.
Lamenta así que o alcalde só respondera á denuncia con enfado e non fixera nada para que o equipo local de taekwondo non teña que seguir adestrando con tatamis mollados e con auga caendo por todo o espazo.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.