A abstención do Partido Popular na sesión plenaria deste xoves 26 de febreiro no Concello de Santiago bloqueou a procura dunha solución para a xestión do ciclo integral da auga, cuxo contrato leva xa sete anos en precario. Contradicindo a súa propia postura previa na comisión especial, a prol dunha concesión, o PP conságrase como un valedor da parálise a calquera custo. O portavoz popular, Borja Verea, recoñeceu expresamente que bloquea a proposta de concesión porque non é o PP quen exerce a alcaldía.
O Goberno encabezado polo BNG dirixiu os seus esforzos nos últimos dous anos á renovación do modelo de xestión do ciclo integral da auga, un servizo básico para a cidadanía compostelá que acumula problemas derivados da precariedade do contrato. Esta precariedade impide acometer renovacións das redes, amplialas e modernizar o servizo.
A proposta que se debatía en Pleno non era a elixida polo BNG, que en todo momento amosou a súa preferencia pola fórmula dunha empresa mixta de maioría municipal. Fórmula esta avalada polo informe técnico da Cátedra da Auga da Universidade da Coruña, que a estimaba como a máis equilibrada para as necesidades de Santiago de Compostela.
Porén, a proposta que o Goberno trasladaba ao Pleno foi a acordada no seo da comisión especial que, co obxectivo de solucionar a situación de precariedade do contrato, estudou as distintas fórmulas sobre a mesa desde maio de 2024. Nesta comisión, o Partido Popular adoptou unha postura a prol da concesión que contradixo hoxe no Pleno, facendo que decaese a proposta que apoiara anteriormente. O Goberno municipal, atendendo á vontade maioritaria da comisión e co obxectivo de resolver a situación polo ben do servizo e da cidadanía compostelá, trasladara esta proposta a Pleno para a súa deliberación. Se ben o voto do grupo municipal do BNG na sesión de hoxe foi contrario ao modelo de concesión, o Goberno local manifestou claramente que democraticamente aceptaba executar a opción que o Pleno decidise.
A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, criticou a hipocrisía do Partido Popular neste asunto, asegurando que actúa “como diría o refrán castelán: ‘como o perro del hortelano’” sobre a cuestión do ciclo da auga. “O único obxectivo do PP é obstaculizar o goberno, coa veciñanza de Santiago sempre no último lugar da lista de prioridades”, engadiu a rexedora durante a súa intervención. “Unha estratexia de terra queimada”, sinalou, que pasa por riba da gravidade da situación do contrato da auga.
Licitado hai 42 anos, o actual contrato (en mans de Veolia, inicialmente Aquagest), sufriu sucesivas prórrogas até o ano 2019, desde o que funciona cunha orde de continuidade por se tratar dun servizo básico. Os custos de funcionamento estímanse en 10 millóns de euros ao ano, aos que hai que engadir a necesidade de executar investimentos por outros cen millóns.
A situación en que fica a xestión do ciclo da auga é, grazas á parálise inducida polo Partido Popular, un retorno ao punto de partida logo de dous anos. Desde o BNG denúnciase un novo golpe aos intereses de Compostela por parte dun Partido Popular disposto a cronificar os asuntos pendentes. Porén, a organización nacionalista tamén compromete que todos os seus esforzos continuarán, de agora en diante, para rematar cunha anomalía que compromete a calidade da rede da auga compostelá.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.