A base, situada na avenida da Sardiñeira, amplía o abano de alternativas para desprazarse á contorna da terminal de San Cristovo
O servizo municipal BiciCoruña conta, desde hoxe, cunha nova estación operativa a carón da estación intermodal, unha medida coa que o Concello busca ampliar o abano de alternativas para desprazarse ata a terminal de San Cristovo, onde se centralizarán as conexións ferroviarias e de autobuses.
A posta en marcha desta base situada na avenida da Sardiñeira, e que funciona con enerxía solar, permite ao Concello completar a segunda fase de expansión de BiciCoruña, plantexada para reforzar o servizo en todos os barrios da cidade. Tras os traballos efectuados ao longo do último ano, e con esta última estación xa habilitada, son un total de 79 distribuídas pola urbe herculina.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, fixo fincapé na importancia que xa ten BiciCoruña á hora de moverse pola cidade. “No ano 2022 contabamos con 23 bases, aproximadamente a terceira parte das que dispoñemos agora. E coa renovación do servizo non só houbo avances substanciais na captación de persoas usuarias, senón que tamén se fixo posible a chegada de BiciCoruña a distritos onde anteriormente non existía”, indicou.
Baixo esta formulación, a de implantar BiciCoruña en todos os barrios da cidade dando resposta ás demandas veciñais, o Goberno de Inés Rey profundou nos últimos meses na posta en marcha de novas bases en puntos como San Pedro de Visma, Palavea ou Xuxán, que carecían de estacións e, agora, xa están conectados co servizo.
Ademais, tamén se aproveitou esta segunda fase para habilitar máis estacións en parques empresariais como o de Agrela, unha medida clave para incentivar os desprazamentos laborais en bicicleta e contribuír así a reducir o uso do vehículo privado. Díaz lembrou que só o ano pasado, BiciCoruña rexistrou un total de 1,7 millóns de usos, teito histórico do servizo desde a súa posta en marcha hai máis dunha década.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.