O contrato, cun valor estimado de 8.032.622 euros tramitarase mediante procedemento restrinxido en réxime de concesión de servizos
O Concello da Coruña publica o anuncio previo da licitación para a concesión do contrato de xestión e explotación do Campo Municipal de Golf Torre de Hércules, cun valor estimado de 8.032.622 euros.
Este anuncio constitúe o inicio do proceso de contratación e permitirá reforzar a transparencia, dar maior difusión ao proceso e facilitar que as empresas interesadas poidan coñecer con antelación as condicións da futura convocatoria. Ademais, a publicación do anuncio previo posibilita a redución dos prazos na fase de presentación de ofertas, axilizando así a tramitación administrativa.
A licitación tramitarase mediante procedemento restrinxido, unha fórmula prevista na lexislación de contratos do sector público que garante a máxima solvencia técnica e profesional das empresas que concorran. Trátase dunha concesión de servizos, pola que a entidade adxudicataria asumirá a xestión integral das instalacións municipais durante o período establecido.
O procedemento desenvolverase en dúas fases diferenciadas. Nunha primeira fase, as empresas interesadas deberán presentar a súa solicitude de participación acreditando a súa solvencia económica, financeira e técnica. Posteriormente, as candidatas seleccionadas serán convidadas a presentar as súas ofertas técnicas e económicas, que se avaliarán conforme ao principio de mellor relación calidade e prezo.
O contrato conta co correspondente estudo de viabilidade económica e financeira, preceptivo segundo a Lei de Contratos do Sector Público, que avala a sustentabilidade do modelo proposto.
A concesión prevé ademais un investimento estimado de máis de 1 millón de euros por parte da adxudicataria para a modernización do campo e das instalacións, actuacións que reverterán ao patrimonio municipal.
A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que “a publicación deste anuncio previo responde ao noso compromiso coa máxima transparencia e coa concorrencia pública, permitindo que as empresas dispoñan de tempo suficiente para preparar as súas propostas e garantindo un proceso áxil e con todas as garantías”.
Rey destacou ademais que “falamos dunha infraestrutura deportiva importante para a cidade. O obxectivo é contar cun modelo de xestión profesional, moderno e sostible, que permita mellorar as instalacións, reforzar a oferta municipal de cursos e consolidar o campo de golf como espazo dinamizador do deporte e tamén da proxección exterior da Coruña”.
Con esta actuación, o Concello dá un novo paso na modernización das súas infraestruturas deportivas, asegurando un procedemento aberto, competitivo e rigoroso, en coherencia cos principios de boa administración e eficiencia na xestión dos recursos públicos.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.