A nosa comunidade rexistrou no pasado mes un incremento dos seus viaxeiros aloxados do 20,7% acadando preto de 260.000
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de hoxe, no pasado mes de marzo Galicia rexistrou un crecemento no volume de viaxeiros aloxados nos seus establecementos hoteleiros galegos do 20,7% acadando os 258.997.
A nosa comunidade incrementou tamén as pernoitas rexistradas no terceiro mes do ano nun 21,6% neste caso ata acadar preto de 490.000. É o segundo ano consecutivo no que Galicia rexistra unha mellora dos seus niveis de demanda hoteleira no mes de marzo acadando neste ano as cifras máis elevadas dos últimos oito anos.
A nivel estatal rexistrouse tamén un comportamento positivo da demanda hoteleira, con melloras do 16,8% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 17,6% no que se refire as pernoitas. En termos de mercado, o turismo interno —aquel representado polos residentes en Galicia— superou nun 20,1% a súa cifra de viaxeiros aloxados acadando máis de 95.300, un máximo histórico neste terceiro mes do ano.
Pola súa parte, o turismo nacional –aquel conformado polo españois procedentes doutras comunidades autónomas- incrementou no pasado mes de marzo a súa cifra de viaxeiros nun 24,1% e as súas pernoitas nun 33,4%, acadando este mercado os niveis máis elevados desde o 2008 tanto en viaxeiros aloxados coma en pernoitas.
En canto ao turismo internacional, a nosa comunidade incrementou neste terceiro mes do ano nun 12,7% os seus viaxeiros e nun 7,6% as súas pernoitas. Deste xeito, este mercado rexistrou no pasado mes de marzo un máximo histórico de viaxeiros aloxados con preto de 41.600 no conxunto da comunidade.
A nivel territorial a nosa comunidade rexistrou un comportamento positivo da demanda hoteleira en todas as provincias galegas. Ourense e Pontevedra rexistraron os incrementos máis destacados, superando nun 39% e 25% respectivamente os niveis de demanda do pasado ano. A Coruña amosou tamén unha dinámica importante, cunha suba do 18%. Pola súa parte, Ourense rexistrou un crecemento do 14,5% neste caso.
A estadía e os niveis de ocupación nos hoteis e pensións de Galicia melloraron tamén neste terceiro mes do ano nun 0,8% e 3,7 puntos porcentuais respectivamente. Así mesmo, Galicia incrementou as súas tarifas hoteleiras no terceiro mes do ano, nun 8,2%, o que levou a unha suba dos niveis de rendibilidade en relación ao mesmo período de 2015 incrementándose o RevPAR nun 15,9%.
Primeiro trimestre de 2016
Nos tres primeiros meses deste ano 2016 Galicia rexistrou un incremento da súa cifra de viaxeiros aloxados e pernoitas nos establecementos hoteleiros da comunidade, do 15% en relación ao mesmo período do pasado ano, rexistrando preto de 580.000 e máis de 1,06 millóns respectivamente.
É o segundo ano consecutivo no que Galicia rexistra unha mellora dos seus niveis de demanda hoteleira nos tres primeiros meses do ano. A nivel estatal rexistrouse tamén unha mellora dos niveis de demanda hoteleira, do 13,5% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 13,3% no que atinxe ás pernoitas. En termos de mercado, o turismo interno rexistrou un incremento do 5,1% nas súas pernoitas e do 9,2% na súa cifra de viaxeiros aloxados.
No que se refire ao turismo receptor nacional, Galicia incrementou as súas pernoitas nun 28,4% e os seus viaxeiros nun 22,5% superando por vez primeira dende o 2008 a barreira do medio millón de pernoitas nos tres primeiros meses do ano. Pola súa parte, o mercado internacional superou nun 5,7% as pernoitas e nun 10% os viaxeiros rexistrados no pasado ano.
En relación aos niveis de ocupación, o sector hoteleiro de Galicia mellorou no primeiro trimestre do ano a cifra acadada en 2015 en 2,6 puntos porcentuais acadando a porcentaxe máis elevada dos últimos seis anos.