Thursday 26 de February de 2026

O BNG reivindica o papel do asociacionismo na vida cultural de Cabanas e denuncia a inacción do goberno


Paula González critica que a axenda municipal “sería unha páxina en branco” sen as entidades e acusa o executivo de limitarse á propaganda

O BNG de Cabanas reivindicou o importante papel das asociación locais para a vida cultural do municipio e denunciou a ausencia total dunha política estruturada por parte do goberno local: “A axenda municipal sería unha páxina en branco de non ser pola iniciativa das entidades e do tecido asociativo do concello”, declarou a concelleira Paula González.

A formación nacionalista critica que o executivo non impulsa programación propia nin planifica a medio prazo, limitándose a cubrir expediente e a facer propaganda, chegando a presentar como propias algunhas actividades organizadas polas asociacións.

Nesta liña, González afirmou que “Cabanas ten a sorte de contar cun asociacionismo diverso e comprometido que enche o calendario con propostas culturais, sociais e deportivas de grande calidade todas as semanas”. Para a concelleira, “son as entidades as que realmente dan vida ao concello mentres o goberno permanece ausente, sen iniciativa e sen un proxecto cultural definido”.

Como exemplo desta deficiente política cultural, os nacionalistas sinalan a recente conmemoración do Día de Rosalía: “Limitouse a unha actividade anunciada apenas cinco horas antes do seu comezo, o que evidencia unha falta absoluta de planificación e respecto tanto pola efeméride como pola veciñanza”.

Desde o BNG consideran que esta situación responde a “unha desconexión total coa realidade”, así como a un modelo no que “o alcalde pretende controlalo todo pero non controla nada”. A formación tamén criticou o papel das concellarías de Cultura e de Normalización Lingüística, das que dixo que están “baleiras de contido e sen iniciativa propia”.

“As persoas responsables destas áreas limítanse a acudir aos plenos para votar o que marca o alcalde mentres as súas concellarías permanecen paralizadas”, afirma Paula González, quen reclama un cambio de rumbo que poña en valor a cultura como eixo estratéxico e que recoñeza, con feitos e non só con palabras, o traballo imprescindible das entidades de Cabanas.

Deja un comentario