Wednesday 25 de February de 2026

O concello aposta pola cultura en feminino para conmemorar o Día Internacional da Muller


En torno ao 8M haberá curtametraxes dirixidas por mulleres, contacontos e recomendacións bibliográficas, ademais dunha concentración o propio 8 de marzo.

O alcalde, José Manuel López Varela; a concelleira de Igualdade, Rocío López; a directora do Centro de Información ás Mulleres, Ana Aldao; e a técnica de Igualdade, Alba Varela, presentaron hoxe a programación municipal que se vai desenvolver en torno ao 8 de marzo (8M), o Día Internacional da Muller.
Esta programación deseñada polo Concello inclúe un conxunto de actividades culturais e de sensibilización que se desenvolverán durante as próximas semanas co obxectivo de promover a reflexión, a participación cidadá e o avance cara unha igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.
O propio domingo día 8 de marzo celebrarase unha concentración na Praza da Cultura ás 12:30 horas. Durante o acto procederase á lectura do manifesto institucional, que correrá a cargo do Espazo de Participación da Infancia e Adolescencia (EPIA). O acto inclúe unha actuación de A Casa da Música.
Un dos eixos centrais do programa municipal será o ciclo de curtametraxes dirixidas por mulleres, organizado en colaboración coa plataforma CortoEspaña. As proxeccións terán lugar os sábados 7, 14 e 21 de marzo ás 19:30 horas na Casa da Cultura da Laracha, con entrada libre e gratuíta. Ao longo das tres xornadas poderán verse un total de 16 traballos de destacadas directoras do panorama nacional, pezas cun amplo percorrido en festivais e recoñecementos que abordan desde diferentes perspectivas cuestións sociais, emocionais e de xénero.
Tamén haberá dous contacontos de igualdade dirixidos ao público infantil a cargo de Tamara R. Pereira, educadora social, animadora sociocultural e promotora de igualdade. Así, fomentarase a participación activa dos nenos e nenas de 5 a 8 anos de idade, creando espazos seguros de conversa entre eles. Mediante o xogo, explorarase o concepto de igualdade de maneira adaptada ás diferentes idades. As sesións realizaranse os xoves 5 (biblioteca de Paiosaco) e 12 (biblioteca de Caión) a partir das 18:00 horas. A duración aproximada será dunha hora.
Ademais, nas tres bibliotecas municipais (A Laracha, Paiosaco e Caión) habilitaranse espazos específicos con recomendacións de lecturas. Serán propostas bibliográficas vinculadas á igualdade co fin de achegar recursos e referentes a persoas de todas as idades.
Durante a presentación, subliñouse que esta programación non se limita a unha data concreta, senón que forma parte dunha liña de traballo transversal que o Concello mantén ao longo de todo o ano para construír unha sociedade máis xusta.
O alcalde, José Manuel López Varela, animou á veciñanza a participar activamente nas actividades programadas e a sumarse á reivindicación colectiva do 8M, reafirmando a necesidade de seguir avanzando, desde o ámbito local, cara á plena igualdade entre mulleres e homes.

Deja un comentario