Friday 22 de November de 2024

A Xunta valora a revitalización dos servicios de Protección Civil na provincia da Coruña logo da campaña realizada nos últimos meses


O director xeral de Emerxencia e Interior, Luis Menor, visitou hoxe as agrupacións de voluntarios dos concellos de Ribeira e A Pobra do Caramiñal

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, visitou hoxe as agrupacións de voluntarios de protección civil (AVPC) e servizos municipais de protección civil de Ribeira e A Pobra do Caramiñal. Durante a súa visita, o director xeral valorou os resultados da campaña de revitalización levada a cabo pola Xunta durante os últimos meses.

Na provincia da Coruña, no marco desta campaña que comezou en decembro, repartíronse 550 carteis, 1.500 trípticos e 200 calendarios para chamar á participación nas AVPC dos seus concellos aos mozos e non tan mozos.

Un total de 40 concellos da provincia da Coruña mostraron o seu interese en participar nesta campaña e é especialmente destacable o caso da agrupación de Negreira, que partindo de cero acadaron 22 voluntarios en catro meses. E nese proceso atópanse tamén Sobrado dos Monxes e Vilasantar que acabar de iniciar o proceso, froito desta campaña. Ademais, os concellos de Ordes, Mesía e Frades están en conversas para mancomunar os seus servizos de protección civil.

Cómpre destacar que a Xunta fixo no anterior ano un esforzo importante creando unhas liñas de subvencións en especie para concellos con equipamentos de emerxencias como vehículos pick up, furgóns de loxística, Remolques de emerxencia, Embarcacións pneumáticas, Remolques con carpas para as emerxencias e Esparexadores de sal e equipos de excarceración. Na provincia da Coruña distribuíronse un total de 125 unidades, cun orzamento de 2,3 millóns de euros. En concreto, o concello de Ribeira recibiu un todo terreo pick-up e A Pobra do Caramiñal unha embarcación pneumática de catro metros de eslora.

No marco desta campaña, apostouse tamén polas redes sociais, e dinamizouse o perfil en Facebook das Agrupacións da provincia, creado en febreiro deste ano. Agora, a xestión das redes pasará a mans dos voluntarios.

O labor do persoal voluntario
A campaña ten coma obxectivos principais pór en valor o labor altruísta e solidario de todo o persoal voluntario protección civil que na actualidade forma parte das diferentes AVPC que cobren o territorio galego, ademais de potenciar este voluntariado en aqueles concellos que non dispoñen na actualidade de AVPC e estarían interesados en formala; reforzar, incrementando o número de voluntarios aquelas AVPC que así o desexen e reafirmar aquelas AVPC, que xa veñen funcionando ben.

Actualmente, a nosa comunidade conta con 220 Asociacións de Voluntarios de Protección Civil, das que 73 están na provincia da Coruña, 37 en Lugo, 65 en Ourense e 45 en Pontevedra, que aúnan un total de 4.527 voluntarios en toda a nosa comunidade.

O sistema de Protección civil é un servizo público na organización, funcionamento e execución, no que participan as diferentes Administracións públicas, así como os cidadáns na prestación da súa colaboración voluntaria, ademais a Lei de emerxencias de Galicia, manifesta que o Sistema integrado de protección civil e Emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional coma por voluntarios, definindo este último como aquel que, libre e desinteresadamente, se incorpora a entidades ou organización públicas ou privadas sen ánimo de lucro, que teñen como fin a protección das persoas, dos bens e do ambiente en situacións definidas nesta lei como situacións de xestión de riscos e de emerxencias.

Dende o Goberno galego apóiase o labor do voluntariado de protección civil, en temas como a formación, axudas económicas para o funcionamento das AVPC e equipamento cedidos aos concellos para a súa utilización polas AVPC.