Wednesday 25 de February de 2026

A Coruña e Cádiz reforzan a súa alianza estratéxica polo 20º aniversario do seu irmandamento


Inés Rey e Bruno García mantiveron unha reunión de traballo para a coordinación do centenario do buque escola Juan Sebastián de Elcano, que se celebrará no ano 2027 con escala en ambas cidades

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co alcalde de Cádiz, Bruno García, co obxectivo de reforzar a cooperación entre ambas cidades coincidindo co 20º aniversario do seu irmandamento.

Durante a xuntanza, ambos rexedores abordaron liñas de colaboraciónen diferentes asuntos de cidade xunto coa coordinación institucional de cara ao centenario da botadura do buque escola Juan Sebastián de Elcano, que se celebrará en 2027.

A alcaldesa destacou que A Coruña e Cádiz son “dúas cidades portuarias cunha identidade aberta, cosmopolita e profundamente vinculada ao mar”, e subliñou a responsabilidade compartida de impulsar estratexias conxuntas: “Os nosos portos son infraestruturas estratéxicas para España e para Europa. Traballar coordinadamente é unha oportunidade, pero tamén un deber”.

A rexedora coruñesa tamén destacou a forte vinculación de ambas cidades coa Armada e co seu buque insignia, o Juan Sebastián de Elcano, e avanzou que o centenario da súa botadura será “o gran proxecto tractor” desta nova etapa de colaboración. “O centenario do Elcano é unha oportunidade magnífica para proxectar ao mundo a imaxe de dúas cidades que cren na cooperación, na cultura marítima e na proxección internacional de España”, indicou Rey.

No marco desta celebración internacional, os grandes veleiros de Hispanoamérica acompañarán ao Juan Sebastián de Elcano na súa ruta cara a Europa, celebrando o aniversario con escalas na Coruña e Cádiz, capitais de dúas das provincias históricamente vinculadas á Armada, xunto con Canarias. Ademais, participarán tamén Italia e Portugal cos seus respectivos buques escola, reforzando o carácter internacional da efeméride.

Recepción oficial no Concello de Cádiz

A visita institucional continuou no Salón de Plenos de Cádiz, cunha recepción oficial da corporación municipal, presidida polo alcalde de Cádiz, Bruno García, xunto con representantes da sociedade civil gaditana, membros da Armada Española e Teófila Martínez, alcaldesa de Cádiz durante o irmandamento e actual presidenta da Autoridade Portuaria da Bahía de Cádiz. A alcaldesa asinou no Libro de Honra con motivo do 20º aniversario do irmandamento entre cidades e fíxolle entrega ao alcalde de Cádiz dunha reprodución da Torre de Hércules, símbolo da cidade da Coruña.

Rey puxo en valor os vínculos históricos que unen A Coruña e Cádiz desde o  18 de marzo de 2005, data na que se formalizou o irmandamento, e lembrou que ambas cidades xa estaban irmanadas na historia, na mitoloxía e no espírito liberal: “A Coruña foi unha das primeiras cidades en ratificar a Constitución de 1812 promulgada en Cádiz. Compartimos esa tradición liberal, esa defensa da liberdade e das institucións democráticas que forman parte do noso ADN colectivo”, afirmou.

A alcaldesa subliñou que este aniversario non é só unha conmemoración simbólica, senón tamén unha oportunidade para “renovar o compromiso de cooperación e transformar a afinidade histórica nunha verdadeira alianza estratéxica de futuro”.

Deja un comentario