Wednesday 25 de February de 2026

San Sadurniño abre este domingo o período de reserva de prazas na Escola Infantil Municipal A Rolada


Este prazo diríxese a familias que xa teñen nenas e nenos matriculados no centro, mentres que o de novas incorporacións permanecerá aberto entre o 16 e o 31 de marzo

 

Entre o día 1 e o día 15 de marzo, ambos incluídos, estará aberto o prazo de reserva de praza na EIM A Rolada para o curso 2026/2027. Esta primeira quenda de solicitudes diríxese exclusivamente ás familias que xa teñen crianzas matriculadas no centro e que por esta razón gozan de prioridade para a inscrición no curso que comezará tralo verán. Para as novas incorporacións de nenas e nenos en calquera das aulas -sempre que haxa prazas dispoñibles unha vez remate a quenda de reservas- abrirase un segundo período de solicitude do 16 ao 31 de marzo.

A escola conta con 38 prazas repartidas en 3 unidades: 0 a 1 ano, 1 a 2 anos e 2 a 3. A matrícula e a atención educativa son gratuítas, xa que están financiadas con fondos do Concello e cunha achega autonómica, mentres que as familias que soliciten comedor deberán aboar un prezo mensual de 80,52 €.

No centro sempre se abren dous períodos de inscrición ao longo do mes de marzo. O primeiro, do 1 ao 15, é o que se dirixe a aquelas familias que xa teñen criaturas matriculadas na escola, xa sexa na aula de 0 a 1 ou na de 1 a 2 anos, co obxectivo de que poidan ter continuidade no servizo. Unha circunstancia que, tal e como se recolle no regulamento de funcionamento, lles dá preferencia na asignación das prazas para o próximo curso 2026/2027.

Este ano o 1 de marzo cadra en domingo, de modo que as solicitudes que se vaian presentar ese primeiro día do prazo terán que cursarse a través da Sede Electrónica do Concello.

O segundo período de solicitude permanecerá aberto entre o 16 e o 31 de marzo, ambos días incluídos, para nenas ou nenos de novo ingreso na escola, aos que se lles adxudicarán as prazas non cubertas no procedemento de reserva.

As peticións, que en ambos casos serán revisadas e valoradas polo departamento de Igualdade, poderán rexistrarse presencialmente no Concello ou a través da Sede Electrónica municipal. De feito, na portada da sede estará dispoñible como trámite destacado un procedemento específico con toda a información e a documentación que cumprirá presentar.

Deja un comentario