· O proxecto ten un valor estimado de contrato de 123.341,50 euros e, unha vez comecen, contarán cun prazo de execución de tres meses.
O Concello acaba de sacar a licitación o proxecto para instalar o saneamento no núcleo de Ouxo, na parroquia de Posmarcos. O proxecto ten un valor estimado de contrato de 123.341,50 euros e, unha vez comecen, contarán cun prazo de execución de tres meses.
A concelleira de Obras, Patricia Lojo, destacou que esta intervención permitirá continuar coa folla de ruta do goberno local “para mellorar os servizos dos veciños e veciñas, neste caso, coa dotación de saneamento nos puntos do municipio que aínda carecen del”. A edil subliña que se trata dun investimento clave para reforzar as infraestruturas básicas no rural e avanzar na igualdade de servizos en todo o termo municipal.
O proxecto contempla a instalación dun colector de saneamento de PVC que recollerá as augas residuais da totalidade das vivendas situadas no núcleo de Ouxo, conectando a nova rede coa canalización existente no núcleo da Ribeiriña.
Para a execución das obras será necesario proceder á demolición do pavimento de aglomerado asfáltico para a apertura das correspondentes zanxas, así como á escavación en terreos compactos e en rocha. Posteriormente realizarase o selado das zanxas e a reposición integral do pavimento, garantindo a correcta restauración do firme e a seguridade viaria.
Esta actuación permitirá dotar ao núcleo dunha infraestrutura moderna e eficiente, mellorando a calidade de vida da veciñanza e contribuíndo á correcta xestión das augas residuais, en liña co compromiso municipal coa sustentabilidade e a mellora continua dos servizos públicos.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.