Friday 22 de November de 2024

Xunta, Instituto da Muller e Confrarías estudan liñas de colaboración para favorecer a igualdade de oportunidades da muller mariñeira


A secretaria xeral da Igualdade reuniuse coa directora do Instituto da Muller, Rosa Urbón, e presidente da Federación Galega de Confrarías, Tomás Fajardo

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse hoxe co presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, Tomás Fajardo, para analizar posibles liñas de colaboración a prol das mulleres que traballan no sector pesqueiro en Galicia. Na xuntanza tamén participou a directora do Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades, Rosa Urbón.

A Federación formuloulles a posibilidade de realizar unha serie de actuacións a favor da igualdade de oportunidades da muller no sector pesqueiro e de fomento da súa cultura emprendedora. Os obxectivos destas actuacións son reforzar o papel da muller nas organizacións pesqueiras, mellorar os seus coñecementos e habilidades, compartir experiencias e dar visibilidade e divulgación á importancia que teñen estas mulleres.

Así, o proxecto “Amar o mar” recolle tres accións: a organización dun congreso para analizar o papel destas nos órganos de goberno das confrarías de pescadores; uns obradoiros formativos en habilidades directivas e organizativas ás mulleres dos órganos de goberno e técnicas de confrarías; e unha serie de charlas divulgativas, estas xa enfocadas no público xeral, nas que se aborden experiencias vitais da muller ante a sociedade.

Defensa dos interese dos profesionais de máis de 60 confrarías
A Federación Galega de Confrarías de Pescadores é unha entidade de dereito público constituída no 2004, que engloba ás 3 federacións provinciais e ás 63 confrarías de pescadores de Galicia. Entre as súas principais funcións está a de interlocutora coa Administración Pública e a defensa dos intereses do/as profesionais da pesca e o marisqueo afiliado/as ás confrarías galegas.

O número total de afiliado/as nas confrarías galegas é de 15.498 persoas, das que case un 30 por cento, 4.496, son mulleres. Destas 150 son empresarias titulares das embarcacións e o resto son traballadoras autónomas. Ademais, é de destacar que na Xunta Xeral da Federación hai 126 membros, trinta delas mulleres -o 24 por cento-, un índice superior á participación actual que teñen as mulleres na maior parte dos sectores económicos. Isto demostra, segundo explican desde a entidade, a importancia cada vez maior que están asumindo as mulleres nos postos de responsabilidade directiva no sector pesqueiro galego.