Wednesday 25 de February de 2026

A urbanización dos espazos públicos no polígono de Visma avanza coa delimitación dunha nova bolsa de estacionamento entre o Ágora e os Mariñeiros


A urbanización do polígono residencial de Visma avanza a bo ritmo e con próximas actuacións de mellora nos espazos públicos da zona, que permitirán ampliar a bolsa de estacionamento dispoñible na zona.

Neste sentido, a inicios do vindeiro mes de marzo comezarán os traballos para delimitar máis de 80 novas prazas para aparcar vehículos ao longo do vial que conecta o Ágora coas casas dos Mariñeiros. A xunta de compensación, coa colaboración do Concello, iniciará as tarefas nos próximos días, aproveitando a beira esquerda do vial, onde se sinalizarán novas prazas en batería ou en liña, en función do treito.

Nesta fase da obra de urbanización suprimirase o estacionamento irregular no soar situado fronte ao Ágora, estacionamento que será compensado polas novas prazas que se crean.

Esta medida abre camiño á próxima urbanización das parcelas de Visma situadas na marxe da rúa Alcalde Jaime Hervada, que forman parte do proxecto da promotora, e onde está previsto que se creen novas zonas verdes e equipamentos públicos, en paralelo aos desenvolvementos residenciais.

A intervención no polígono de Visma, ámbito no que se prevé a construción de case 3.600 vivendas antes do ano 2030 —das que case 1.000 serán de protección oficial—, tamén terá un impacto directo no incremento das superficies públicas, coa creación de 90.000 metros cadrados de espazos ao aire libre, 86.000 metros cadrados de viario, sendas peonís e de carril bici e case 50.000 máis reservados para equipamentos municipais. “O avance nas obras permitirá non só gañar espazos verdes e zonas libres, senón tamén contar cunha importante bolsa de vivenda de protección para atender unha demanda crecente de vivenda a prezos taxados”, indicou a alcaldesa, Inés Rey.

A este respecto, a transformación do polígono tamén suporá a creación dunha ampla bolsa de estacionamento en superficie —cando finalicen as obras de urbanización teranse creado 1.784 novas prazas de estacionamento en superficie, ademais de 289 nun novo aparcadoiro público municipal—, fundamentais para facilitar o estacionamento en Visma, onde os edificios residenciais xa contarán, ademais, con garaxes propios.

Deja un comentario