Tuesday 24 de February de 2026

A Deputación impulsa o emprendemento rural a través do coworking de Brión


A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, e a concelleira de Emprego, Guarina Rey, visitaron esta mañá á Asociación Darredor, que vén de adquirir nova maquinaria coa axuda da Deputación

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, e a concelleira de Emprego de Brión e presidenta do GDR Terras de Compostela, Guarina Rey, visitaron esta mañá as instalacións do coworking de Brión, que xestiona a Asociación Darredor en Brión, entidade beneficiaria dunha subvención da Deputación da Coruña para o proxecto “Valorización de recursos locais para a elaboración de conservas artesanais”. O investimento, que ascende a 13.500 euros, permitirá mellorar os obradores da entidade e aumentar a súa capacidade de produción.

Unha visita na que Cristina Capelán e Guarina Rey estiveron guiadas pola presidenta da Asociación Darredor, Nieves Dosil, e pola dinamizadora do coworking brionés, Carme Freire. Capelán destacou que Darredor desempeña un papel clave na transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais da contorna e sinalou que o apoio a iniciativas como esta xera valor engadido ás producións locais, evita perdas e abre novas oportunidades económicas para produtoras e produtores do rural. Engadiu que o asociacionismo demostra que a cooperación e a innovación son ferramentas fundamentais para dinamizar o territorio.

A subvención permitiu a Darredor adquirir nova maquinaria e equipamento para os dous obradores da entidade, o de conservas vexetais e o de masas. Estas melloras optimizarán a transformación de alimentos, reforzarán as garantías sanitarias e incrementarán a capacidade produtiva. Cos produtos do agro local elaboran marmeladas, cremas de verduras, zumes de froitas, froitas deshidratadas e outras preparacións que permiten aproveitar mellor as colleitas mediante a súa transformación, xerando maior valor engadido e reducindo perdas no campo. Uns produtos que, grazas a espazos colaborativos como o coworking de Brión, poden chegar ao mercado con todas as garantías sanitarias e con produtos elaborados como zumes, marmeladas, salsas, patés, cremas…que se producen e transforman dun xeito totalmente sostible”.

Pola súa banda, Guarina Rey puxo en valor que “dende o Concello de Brión e o GDR Terras de Compostela queremos apoiar o noso rural e promover o comercio dos mellores produtos que producen os noso veciños e veciñas nas súas hortas.

Darredor: un referente do rural coruñés

A Asociación conta actualmente con 85 persoas asociadas e máis de 200 persoas vinculadas á súa actividade, ademais de colaborar con outras asociacións e comunidades de montes da provincia. Só en 2023, os seus obradores rexistraron 482 xornadas de uso, consolidando a entidade como un referente na transformación artesanal de produtos do sector primario.

Investimentos como este contribúen a fortalecer o emprendemento rural e a avanzar cara a un modelo sostible baseado nos recursos locais, promovendo economía, emprego e innovación no rural da provincia.

Deja un comentario