As continuas borrascas rexistradas este inverno provocaron danos en camiños, estradas, e tamén no paseo fluvial ao longo do río Mero. A senda e as zonas de aparcadoiro, que xa presentaban deficiencias antes das choivas, atópanse agora nun estado qeu require actuacións urxentes de reparación e mantemento.
Alternativa xa trasladou no mes de outubro moitas das deficiencias que a veciñanza estaba a denunciar do paseo fluvial, mediante unha proposta presentada en pleno que foi aprobada pola unanimidade dos grupos.
O executivo local anunciara naquel momento a sinatura dun acordo con Augas de Galicia para destinar preto de 900.000 € destinado á conservación e a mellora da funcionalidade e das infraestruturas da senda. Pero, catro meses despois non se teñen producido avances visibles nin se informou de prazos concretos de execución.
Persisten problemáticas como o peche da ponte de madeira ao comezo do itinerario (Barcala), a ausencia de medidas en materia de seguridade viaria na Telva ou a falta de dinamización do enclave natural. A isto súmase o empeoramento de incidencias derivadas das choivas, especialmente no firme das sendas e no estado dos aparcadoiros.
Alternativa elevará novamente a cuestión ao pleno para solicitar explicacións sobre o estado de dito acordo con Aguas de Galicia, tendo en conta que o inicio da primavera- e con ella o aumento notable de visitantes e usuarios do paseo- está a menos dun mes.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.