A alcaldesa participou en Jerez na xornada sobre facendas locais, convocada pola FEMP, para analizar os principais horizontes económicos das entidades locais
A alcaldesa da Coruña e vicepresidenta primeira da FEMP, Inés Rey, participou hoxe en Jerez de la Frontera nos actos conmemorativos do 45 aniversario da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP).
No marco da conmemoración desenvolveuse unha xornada específica sobre facendas locais, destinada a xerar un espazo de análise e contraste entre responsables políticos, habilitados nacionais, persoal técnico das administracións locais e expertos académicos, co obxectivo de abordar os principais retos financeiros que afrontan as entidades locais. Rey subliñou a necesidade de avanzar cara a un modelo de financiamento máis equilibrado: “As entidades locais somos a administración máis próxima á cidadanía e a que garante a prestación de servizos esenciais. Precisamos dun financiamento máis xusto e suficiente que nos permita responder con eficacia ás novas demandas sociais”.
A alcaldesa destacou que esta xornada permite poñer en común experiencias e posicións institucionais para articular propostas realistas e compartidas, así como promover unha reflexión técnica e política conxunta orientada a fortalecer o papel dos gobernos locais no sistema de financiamento público. “O municipalismo é un piar esencial do Estado. O 45 aniversario da FEMP é tamén unha oportunidade para reivindicar o papel das entidades locais e reforzar a súa capacidade de acción ante os retos económicos e sociais actuais”, sinalou.
A Federación Española de Municipios y Provincias celebra así 45 anos como órgano de representación e defensa dos intereses do municipalismo español, consolidándose como interlocutor clave das entidades locais ante o Goberno de España e as institucións europeas.
Actividades institucionais en Jerez
A alcaldesa e vicepresidenta primeira da FEMP, Inés Rey, participou na recepción oficial ofrecida pola rexedora de Jerez e presidenta da FEMP, María José García-Pelayo, no marco dos actos conmemorativos do 45 aniversario da Federación. Posteriormente celebrouse no Alcázar de Jerez a Xunta de Voceiros e Voceiras, órgano no que están representados os distintos grupos políticos con presenza na Federación, e a continuación a Xunta de Goberno, máximo órgano executivo da FEMP
Durante estas sesións abordáronse cuestións estratéxicas para o municipalismo español, entre elas a situación financeira das entidades locais, os avances na negociación do novo modelo de financiamento, o impacto das recentes reformas normativas na xestión municipal e os principais desafíos que afrontan os concellos en materia de servizos públicos, sustentabilidade e cohesión territorial.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.