Tuesday 24 de February de 2026

Paderne volve poñer no centro de mira a literatura co III Certame de Relato Corto


As inscricións estarán abertas ata o 10 de marzo de 2026.

As obras presentadas deberán estar escritas en galego e tratar de historias reais ou de ficción que aconteceran ou estean relacionadas co concello.

O Concello de Paderne convoca por terceiro ano consecutivo o Certame de Relato Corto. O prazo de presentación dos escritos pecha o 10 de marzo e Paderne deberá estar en cada unha das creacións presentadas, ben porque se tratan de historias reais que tiveron lugar no municipio, ben porque sexa o escenario no que se desenvolve unha narrativa de ficción. Ademais, para que os relatos poidan ser valorados, deberán estar escritos en lingua galega.

Ao igual que nas edicións precedentes, o III Certame de Relato Corto dividirase en dúas categorías en función da idade das persoas participantes. Unha será a categoría xuvenil, dirixida á rapazada de entre 10 e 17 anos, e a outra será a categoría xeral, para participantes de 18 anos en diante. Ambas categorías se rexerán polos mesmos criterios: os textos deberán presentarse en formato DIN A4, con letra Arial tamaño 12 e intercalado 1,5; estarán escritos en galego e deberán tratar sucesos ambientados ou acontecidos en Paderne.

A avaliación das propostas correrá a cargo dun xurado formado por tres persoas elixidas polo Concello de Paderne. A calidade da escritura, o emprego de técnicas literarias e a orixinalidade serán algúns dos elementos que se terán en conta á hora de puntuar os relatos. Os traballos poderán presentarse en formato narrativo ou poético e deberán ser obras orixinais, inéditas e non premiadas.

As persoas participantes deberán presentar os seus escritos -xunto a unha folla de inscrición que poderán atopar na Casa Consistorial o una sede electrónica do Concello- antes do 10 de marzo.

O 17 de maio, Día das Letras Galegas, daranse a coñecer as persoas gañadoras de cada categoría e farase entrega dos premios. No caso da categoría xuvenil, o premio constará da publicación do relato nunha obra coa recompilación dos traballos presentados, un lote de 30 exemplares da mesma, unha cesta de produtos típicos da zona e un dispositivo electrónico.

O premio para a categoría xeral constará da publicación do relato nunha obra coa recompilación dos traballos presentados, un lote de 30 exemplares da mesma, unha cesta de produtos típicos e un premio económico de 400 euros.

Deja un comentario