Saturday 16 de November de 2024

Medio Ambiente avanza que o enchido do Lago de Meirama culminará a vindeira semana


A conselleira de Medio Ambiente adianta que toda vez concluído este proceso, Augas de Galicia iniciará a tramitación para que o deslinde deste lago pase a ser dominio público hidráulico da Xunta de Galicia

A A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, adiantou esta mañá que a vindeira semana culminará o proceso de enchido do Lago de Meirama. Así o explicou durante a visita ao Lago de Meirama, para coñecer as actuacións de rehabilitación medioambiental da antiga mina de lignitos, na que estivo acompañada polo delegado xeral en Galicia de Gas Natural, Manuel Fernández Pellicer.

A responsable de Medio Ambiente adiantou que no momento no que comece a rebosar no río Barcés, Augas de Galicia iniciará a tramitación necesaria para que o deslinde do Lago de Meirama pase a ser parte do dominio público hidráulico da Xunta de Galicia, co que accederá á titularidade do recurso hídrico deste lago, que ten unha capacidade de 143 hectómetros cúbicos, é dicir, sete veces a do encoro de Cecebre.

A conselleira salientou que este lago é un recurso para blindar o abastecemento futuro da área metropolitana da Coruña, ao dar resposta ás previsións de incremento da poboación e de actividade económica e ás necesidades de posibles conexións de novos núcleos á rede de abastecemento.

Nese sentido, recordou que a Xunta de Galicia xa vén traballando nesa liña, co investimento de preto de dous millóns de euros na execución dunha captación de 15 metros de profundidade, que permitirá conectar este lago de Meirama co río Barcés. Lembrou que foi unha obra que se executou durante o proceso de enchido para optimizar os custes e que permitirá nun futuro case dobrar a actual capacidade de Cecebre, é dicir, aseguraría o subministro de auga para unha poboación de ata 560.000 habitantes no horizonte de 2035.

Tamén destacou que se trata dunha actuación acorde co obxectivo da Xunta de garantir o subministro de auga en cantidade e calidade para todas as vilas de Galicia, un reto no que a Xunta leva investidos máis de 100 millóns de euros dende o 2009 e que permitiu realizar máis de 150 actuacións.

Na súa visita, a conselleira sinalou que a recuperación do Lago da Mina de Meirama constitúe unha infraestrutura hidráulica de primeira magnitude, unha aposta pola integración da paisaxe e a sostibilidade e recuperación ambiental.

Explicou que é un exemplo de restauración e recuperación ambiental, porque se actuou sobre unha área degradada polo seu uso durante máis de 25 anos como mina de lignito; e hoxe representa un activo paisaxístico para o concello, que axuda a incrementar as oportunidade turísticas e económicas; e un referente para a biodiversidade, xa que se identificaron máis de 800 especies zoolóxicas e botánicas nesta área, o que reflicte a importancia de recuperación ambiental.