Tuesday 24 de February de 2026

Aprobadas por unanimidade as propostas do BNG para reclamar o bo funcionamento do transporte e crear unha zona verde nas Carolinas


O grupo municipal do BNG no Concello de Ribeira valora moi positivamente a aprobación no último Pleno de dúas iniciativas presentadas pola formación nacionalista, que contaron co respaldo unánime da Corporación e que teñen como obxectivo mellorar de maneira directa a calidade de vida da veciñanza de Ribeira.

A primeira das propostas aprobadas céntrase na situación do transporte público por estrada na provincia da Coruña, un servizo esencial que atravesa un grave conflito laboral e deficiencias de funcionamento que afectan a milleiros de persoas usuarias. O acordo plenario insta á Xunta de Galiza a implicarse activamente na resolución do conflito, desbloquear a negociación colectiva e garantir un servizo eficiente, especialmente nas conexións coa comarca do Barbanza. Tamén se reclama ás empresas concesionarias —entre elas a principal operadora Monbus— o cumprimento rigoroso dos horarios e frecuencias.

“O respaldo unánime da Corporación Municipal demostra a relevancia e urxencia de actuar ante unha situación que está a afectar diariamente a milleiros de persoas usuarias e traballadoras”. A formación nacionalista subliña que este acordo supón un paso importante para defender un servizo público esencial e para esixir responsabilidades ás administracións competentes, despois de anos de políticas impulsadas polo Partido Popular que, segundo sinalan, favoreceron a concentración empresarial e o deterioro do servizo.

“Agora imos esta vixiantes para que se cumpran o acordado e no caso de que non se produzan avances, o BNG continuará promovendo novas iniciativas e accións institucionais para seguir defendendo os intereses da veciñanza”.

Un novo espazo verde e estacionamento de balde nas Carolinas

Na mesma sesión plenaria aprobouse tamén a iniciativa defendida polo portavoz municipal Luís Pérez Barral para recuperar o ámbito das Carolinas e transformalo nunha zona verde pública con estacionamento gratuíto. A proposta busca crear un espazo pensado para as persoas, que favoreza o lecer e a actividade comercial, ao tempo que dá resposta á falta de prazas de aparcadoiro existente na zona.

Hai arredor de quince anos, nesta zona do centro urbano había un espazo infantil e prazas de aparcadoiro, mais coa construción da nova lonxa e a remodelación da fachada marítima realizada polo Concello en 2020, cun investimento duns 450.000 euros, “reducíronse carrís e elimináronse numerosas prazas de estacionamento, agravando un problema xa existente nun barrio con escaseza de garaxes”.

Na actualidade, trala concesión administrativa que permitirá que a antiga lonxa funcione como nave de redes, ábrese unha oportunidade para crearmos un espazo pensado para as persoas, xa que os redeiros pasarán a estar na antiga lonxa e se precisan facer traballos no exterior, pode empregarse o porto comercial. O portavoz nacionalista sinalou que “é o momento de pensar en como devolverlle este espazo á xente das Carolinas”.

O BNG defendeu que este ámbito debe volver ter un uso veciñal e converterse nun lugar agradable para pasear, descansar, xuntarse ou levar ás crianzas. “Demandamos que o PP, a través de Portos de Galiza, deixe de bloquear proxectos que son positivos para á veciñanza de Ribeira e faga a reversión ao Concello dos terreos sen uso vinculado á actividade marítima, medida que facilitaría a realización de eventos sen custos ou procesos burocráticos longos como acontece hoxe en día” argumentou Pérez Barral. No caso concreto das Carolinas proponse que o espazo se destine á creación dunha zona verde pública e dunha área de estacionamento gratuíto, algo que permitiría “reverdecer o barrio, crear un lugar de encontro e paliar a falta de prazas para residentes e clientes dos negocios da contorna”.

Pérez Barral subliñou que o proxecto debe deseñarse con criterios de sustentabilidade ambiental, integración paisaxística e accesibilidade: “Queremos un modelo de vila pensado para as persoas, no que o espazo público sexa unha prioridade e contribúa ao benestar colectivo e facilite a actividade comercial”.

Deja un comentario