O pleno de Ribeira aprobou por unanimidade a ratificación plenaria do expediente iniciado en decembro de 2023 para a adquisición da nave de Cerqueira, un trámite previsto dende hai tempo tal e como recollían os informes de Secretaría e como explicara publicamente o 10 de outubro de 2025 o daquela alcalde, Luís Pérez Barral. A votación confirma así un proceso administrativo iniciado e desenvolvido polo goberno encabezado por Pérez Barral como resultado un novo espazo patrimonial para toda a veciñanza.
A formación nacionalista lembra que o debate arredor da nave non comezou agora, senón en 2021, cando o BNG propuxo a súa declaración como Ben de Interese Cultural para garantir a protección do inmoble, iniciativa que fora rexeitada naquel momento polos votos do PP e de PBBI. Lonxe de abandonar o proxecto, o Bloque continuou impulsando xestións ata deixar o expediente completo e só pendente dunha concesión de Costas que segue en tramitación e que aínda non está resolta.
Tras o cesamento da actividade industrial e traslado a Rianxo por carecer Ribeira de chan industrial, Pérez Barral volveu demandar en xaneiro de 2023 a preservación da nave propoñendo ademais un proxecto integral para revitalizar o barrio de Banda ao Río, elaborado en coordinación co tecido asociativo e centrado na rehabilitación urbana, a dinamización cultural e a defensa dos servizos públicos.
O BNG subliña que a ratificación unánime evidencia que o camiño iniciado era sólido e axeitado, e considera “sorprendente” escoitar críticas agora por parte de quen votara en contra da protección da nave ou de quen atopou o expediente practicamente rematado e só á espera dunha única autorización administrativa como é a concesión de Costas. A formación critica que se intente trasladar á cidadanía unha versión terxiversada só para evitar recoñecer o traballo feito ao longo deste tempo.
Neste sentido, sinala que todo o proceso “evidencia que houbo un goberno honesto que traballou por facer unha vila en grande” e contrapón ese balance coa situación herdada polo Partido Popular: unha débeda municipal de 13 millóns de euros e a ameaza dun posible derrubo e indemnización de 1,5 millóns polo peche da gasolineira de Xarás. Fronte a iso, destaca que o legado deixado polo equipo de Pérez Barral é “patrimonio público e financiamento histórico”, en referencia á recuperación de Cerqueira e á consecución da maior cantidade dos fondos europeos na historia de Ribeira, concretamente 6,5 millóns, grazas ao proxecto aprobado cos votos a favor do BNG, do PBBI e do PSOE, sen o apoio do PP e do que agora pretende fachendear.
Para o BNG, a decisión plenaria certifica un modelo de vila centrado nas persoas, na recuperación do patrimonio para todos e todas e na captación de recursos para mellorar barrios. “O importante é que Cerqueira é da veciñanza e Ribeira conta con financiamento para transformarse. Esa é a realidade”, conclúen.
—




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.