Monday 23 de February de 2026

Belén do Campo e Esteban Ares supervisan as obras de mellora da eficiencia enerxética do polideportivo e a piscina municipal de Lousame


Dúas actuacións orzamentadas en 60.000 euros e financiadas ao 100% polo fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local

A delegada da Xunta da Coruña, Belén do Campo, e alcalde de Lousame, Esteban Ares, supervisaron esta mañá as actuacións realizadas ao abeiro do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local que achegou 60.000 euros para levar a cabo a mellora da eficiencia enerxética do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra e da piscina municipal da Silva. Unha visita na que estiveron acompañados polos tenentes de alcalde Silvia Agrafojo e Ramón Martínez, así como pola concelleira de Deportes, Mariel Agrafojo e o concelleiro de Seguridade Viaria, José Antonio Ces.

O alcalde de Lousame puxo en valor que “a achega da Xunta foi unha aportación do 100% que nos permitiu acometer varias actuacións de aforro enerxético, en concreto a renovación do sistema de auga quente sanitaria do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra e a instalación de paneis solares na piscina municipal da Silva”. Esteban Ares García salientou que “antes tiñamos un consumo mensual de propano que era dificultoso para as arcas municipais. Grazas a esta renovación imos ter non só un importante aforro económico senón tamén axudaremos a reducir a contaminación ambiental”.

O alcalde lousamiá agradeceu a colaboración ofrecida pola Xunta de Galicia, que asumiu o 100% destes investimentos, ademais doutros 25.000 euros para o saneamento de Gandarela e case 19.000 euros para a mellora da eficiencia enerxética no local social de Cruído. Dous investimentos realizados con cargo ao Fondo de Cooperación Local.

Visita da delegada

Durante a visita, a delegada comprobou a renovación integral do sistema de auga quente sanitaria (AQS) do pavillón deportivo. Ata o de agora, as instalacións contaban cun sistema pouco eficiente baseado en acumulador e combustión a gas. Coa actuación realizada, instalouse un novo sistema mediante bomba de calor aire-auga con acumulador, que permite aproveitar a enerxía do aire exterior para quentar a auga.

Tal e como salientou a delegada, “esta intervención supón un salto cualitativo en termos de eficiencia enerxética, xa que as bombas de calor aire-auga ofrecen un rendemento moi superior aos sistemas tradicionais de gas, reducindo de maneira significativa o consumo enerxético necesario para producir a mesma cantidade de auga quente”. Entre as principais vantaxes desta actuación destacan o importante aforro económico na factura enerxética, a redución das emisións de CO₂ e da pegada de carbono, así como unha maior seguridade ao eliminar procesos de combustión e os riscos asociados. Ademais, este tipo de sistemas require un menor mantemento e conta cunha vida útil máis longa en comparación coas caldeiras de gas convencionais.

Actuacións levadas a cabo

O polideportivo de Silva constitúe a única infraestrutura deportiva pechada do municipio, polo que desempeña un papel fundamental na dinamización da actividade física e social ao longo de todo o ano. Nel desenvólvense actividades deportivas diversas, torneos e programas como ximnasia de mantemento, moi demandados por colectivos como as persoas maiores. No marco desta aposta polas enerxías renovables, tamén se optou pola produción de auga quente sanitaria mediante enerxía solar térmica na piscina municipal, unha infraestrutura que rexistra un elevado consumo de AQS durante a tempada estival, especialmente entre os meses de xuño e setembro. Ata o momento, o sistema estaba alimentado por termos eléctricos.

Coa nova actuación instaláronse oito módulos solares térmicos que permiten aproveitar a radiación solar para quentar a auga, reducindo de maneira considerable o consumo eléctrico. “Falamos dunha medida especialmente axeitada para os meses de maior uso da piscina, que lles permite avanzar en eficiencia, sustentabilidade e aforro económico, ao empregar unha fonte de enerxía renovable e gratuíta como é o sol”, destacou a delegada.

Pola súa banda, a piscina municipal presta servizo durante os meses de verán, cunha elevada participación en cursos e actividades acuáticas, converténdose nun recurso esencial para a veciñanza. A delegada da Xunta puxo en valor o compromiso do Goberno galego coa mellora das infraestruturas municipais e coa transición cara a modelos máis eficientes e respectuosos co medio ambiente, subliñando que “investir en eficiencia enerxética é investir en sustentabilidade, en aforro para as administracións e en mellores servizos para a cidadanía”.

A dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local estaba dirixida á realización de obras de mellora da eficiencia enerxética en edificios de titularidade municipal que se destinen á prestación de servizos ou ao exercicio das súas competencias e vai dirixido a concellos con poboación inferior a 15.000 habitantes, por concorrencia competitiva e cunha dotación para toda Galicia de 5 millóns de euros. Concretamente, na provincia da Coruña recibiron estas achegas, na convocatoria de 2025, 29 concellos por un importe total de 1,6 millóns de euros e na comarca do Barbanza os municipios de Lousame, Porto do Son e Rianxo por unha suma total de case 180.000 euros.

Compromiso coa eficiencia enerxética e o deporte

Con estas actuacións, o Concello reafirma o seu compromiso coa mellora das infraestruturas deportivas e cun modelo de xestión máis eficiente, sostible e respectuoso co medio ambiente. Estas intervencións permiten ofrecer mellores servizos á cidadanía e garantir que as instalacións deportivas cumpran os estándares de calidade e seguridade esixidos na actualidade.

A delegada incidiu na importancia da colaboración entre o Goberno galego e os concellos para levar a cabo actuacións que redunden no benestar da veciñanza. Nesta liña, sinalou que este apoio é fundamental sobre todo nos municipios máis pequenos para que poidan levar a cabo iniciativas que en solitario resultaríalles máis complicado ou non serían posibles.

Deja un comentario