Na Orde do Día tamén se inclúe a regulación do teletraballo e a carreira profesional.
O Concello convocou para este xoves unha reunión da mesa de negociación na que participarán membros do Goberno local e representantes sindicais. O obxectivo da xuntanza será avanzar en diferentes asuntos de relevancia para a organización interna e as condicións laborais do persoal municipal, neste último caso como paso previo a presentar a proposta de orzamentos xerais para este ano.
Entre os puntos da Orde do Día da mesa de negociación figurará a modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT). O Goberno local propón a incorporación de 19 novos postos de traballo considerados necesarios para o correcto funcionamento das diferentes áreas de xestión. Isto posibilitará que ditas prazas, que responden a necesidades estruturais do Concello, queden reflectidas no organigrama oficial municipal para darlles estabilidade administrativa, sendo tamén un requisito imprescindible para que, no futuro, poidan formar parte dunha oferta de emprego público, sempre que a taxa de reposición así o permita. No momento actual a RPT contempla 40 postos de traballo, polo que cos novos propostos farían un total de 59.
Tamén se levará á mesa de negociación, como trámite necesario, o incremento salarial do 1,5 % para o persoal municipal que será contemplado no orzamento do ano 2026. Aínda que este aumento xa se está aplicando desde o pasado mes de xaneiro, debe ser igualmente obxecto de negociación formal.
Outro dos asuntos a tratar será a regulación do teletraballo, establecendo criterios claros sobre que postos poderán acollerse a esta modalidade, o número máximo de días autorizados e os requisitos que deberán cumprirse para garantir tanto a prestación eficaz do servizo público como a correcta organización interna.
Por último, abordarase a regulación da carreira profesional para a promoción horizontal do funcionariado e do persoal laboral municipal. A proposta contempla a implantación deste sistema en todos os postos de traballo, definindo incentivos vinculados á antigüidade e á formación co obxectivo de recoñecer o desempeño, fomentar a cualificación continua e favorecer a motivación do persoal.
Coa reunión da mesa de negociación deste xoves, o Goberno local reafirma a súa vontade de diálogo e de mellora continua da estrutura organizativa municipal, apostando por consolidar os servizos públicos e avanzar na estabilidade e profesionalización do cadro de persoal.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.