Marta Abal reclama transparencia sobre as actuacións realizadas nos muros de titularidade municipal e esixe un plan de intervención “claro e calendarizado” para garantir a seguridade e a conservación do patrimonio.
Os socialistas lembran que existe un estudo de 2022 que xa analizaba o estado de conservación destes elementos e as medidas correctivas necesarias.
O Grupo Municipal Socialista levará ao pleno deste mes unha pregunta dirixida ao Goberno da señora Sanmartín para coñecer que actuacións realizou durante o mandato en relación ao mantemento e conservación dos muros de titularidade municipal, tras o derrubamento parcial dun dos muros do antigo cemiterio de Bonaval rexistrado hai dez días.
Segundo explicou a concelleira socialista Marta Abal, “hai 10 días un dos muros que albergan os nichos do antigo cemiterio de Bonaval derrubouse froito das intensas choivas deste inverno”, unha situación que, ao seu xuízo, puxo de manifesto a necesidade de revisar o estado destes espazos.
Abal lembrou que “xa nese momento, desde o Grupo Municipal Socialista, amosamos a nosa preocupación polo mantemento deste espazo, tanto no que ten que ver coa conservación do patrimonio, como no relativo á seguridade das persoas”, advertindo de que non se trata só dunha cuestión estética ou patrimonial, senón tamén de prevención de riscos.
Neste contexto, a edil sinalou que existe “un estudo de finais do ano 2022” que “analizaba o estado de conservación e as medidas correctivas que había que adoptar en muros de titularidade municipal de Santiago”, polo que considera necesario coñecer que medidas se adoptaron desde entón.
Por iso, segundo indicou, “no pleno deste mes de febreiro, preguntámoslle ao Goberno local que fixo durante este mandato para manter e conservar en bo estados muros”, reclamando información detallada sobre as actuacións levadas a cabo.
A concelleira explicou que desde o Grupo Socialista “pedimos transparencia, coñecer as actuacións realizadas e a planificación das futuras, así como a súa dotación económica”, ao entender que a conservación do patrimonio e a seguridade nos espazos públicos deben formar parte dunha planificación estruturada e non de respostas puntuais tras os incidentes.
Neste sentido, Abal concluíu que “só a través dun plan de intervención claro e calendarizado podemos previr que accidentes en espazos públicos como o de Bonaval se repitan”, instando ao executivo local a ofrecer explicacións e a presentar unha folla de ruta concreta.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.