Monday 23 de February de 2026

O Concello abre o prazo das bolsas comedor 2026/2027 cun crédito de 2,6 millóns de euros


A convocatoria incrementa o orzamento en 347.000 € respecto ao do ano 2025 e manterá as mesmas bases e requisitos. As solicitudes poderán presentarse do 23 de febreiro ao 13 de marzo

O Concello abre o prazo de solicitude das bolsas comedor para o curso 2026/2027 cun crédito total de 2.600.000 €, segundo a convocatoria publicada no BOP. Esta dotación supón un incremento de 347.000 € respecto do exercicio anterior (2025: 2.253.000 €), o que representa unha suba do 15,4 %.

A convocatoria mantén sen modificacións o resto das bases, incluídos os requisitos, criterios e documentación a achegar polas familias. O obxectivo desta liña de axudas impulsada polo Goberno de Inés Rey é contribuír a garantir a igualdade de oportunidades do alumnado e apoiar a conciliación, favorecendo o acceso ao servizo de comedor escolar nos centros educativos do termo municipal.

As bolsas están dirixidas ao alumnado escolarizado en centros sostidos total ou parcialmente con fondos públicos situados na cidade e que conten con servizo de comedor. No caso dos centros públicos, a bolsa cobre o custo do comedor. Nos centros privados e/ou concertados, a axuda establécese cunha contía mensual fixa destinada a apoiar o pagamento do servizo.

Entre os requisitos fundamentais para optar á bolsa figuran dispoñer de documento de identificación (DNI, NIE ou NIF provisional dentro dos prazos establecidos), estar empadroado/a no Concello da Coruña e estar matriculado/a —ou ter solicitada a matrícula— para o curso 2026/2027 nun centro educativo do municipio. Ademais, será necesario contar cunha praza asignada no comedor escolar ao inicio do curso. Unha vez concedida a axuda, a asistencia ao comedor ten carácter obrigatorio durante o período lectivo.

As solicitudes deberán formalizarse a nome do/da alumno/a e, no caso de menores de idade, deberán ir asinadas pola nai, pai ou persoa titora legal. O Concello lembra tamén a importancia de cubrir todos os campos obrigatorios e revisar a documentación antes de rexistrar a solicitude, para evitar requirimentos de emenda.

Todos os avisos e comunicacións do procedemento publicaranse no taboleiro de edictos municipal, e a información actualizada estará dispoñible na web do Concello, no apartado de Servizos Sociais.

Deja un comentario