Friday 22 de November de 2024

Aprobación inicial das ordenanzas reguladoras da construción de ramplas de accesibilidade en vías públicas de Riveira


Hai trinta días para a presentación de alegacións

O Boletín Oficial da Provincia de hoxe publica o anuncio da aprobación inicial das dúas ordenanzas reguladoras da ocupación de vía pública no concello de Riveira co fin da construción de ramplas de accesibilidade en edificios privados ou locais de uso terciario, por un lado, e en edificios privados de uso residencial en vivenda colectiva, por outro.

Os interesados dispoñen dun prazo de 30 días para poder presentar ao alegación a uns documentos que gozaron do visto bo da Corporación no pasado pleno do mes de marzo.

Conforme a nova normativa municipal, deberán cumprirse unha serie de condicións para autorizar a ocupación de vía pública.

Así, no caso da construción de ramplas en edificios de uso residencial, será imprescindible que no inmoble en cuestión viva ou traballe de xeito permanente unha persoa con mobilidade reducida que estea imposibilitada de subir escaleiras, algo que deberá ser acreditado segundo o certificado de minusvalía que outorga a Consellería de Traballo e Benestar. Ademais, non poderá existir posibilidade de realizar a rampla no interior do edificio e deberá ter unha anchura non superior a 1,20 metros, extensibles nun 10% no caso de que o acceso libre sobre a beirarrúa permita o paso de 1,50 metros. Ademais, non deberán existir na vía pública servizos esenciais (arquetas, rexistros, etc.) que poidan quedar tapados pola implantación da rampla.

En canto aos locais de uso terciario, os requisitos son que non se poda realizar na rampla no interior do edificio, que teña unha anchura non superior a 1,20 metros (nasa mesmas condicións do parágrafo anterior) e que non afecten a servizos esenciais como arquetas ou rexistros.