— O programa reforza o seu perfil internacional coas presentacións en Galicia de ‘El hijo de la cómica’ e ‘Sahara’, ademais das estreas absolutas en España como ‘Ser humana’ e ‘Girasoles para María’
— O Goberno galego subvenciona a organización da cita a través da liña de axudas a festivais de artes escénicas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
O Festival Internacional Singular do Monólogo Teatral celebrou hoxe a presentación ante os medios da súa 11ª edición, que terá lugar do 6 ao 29 de marzo no Pazo da Cultura de Narón cunha vintena de propostas escénicas e actividades centradas no xénero. O encontro, que supera así unha década de celebración, vén contando nos últimos anos co apoio da Xunta para a promoción dos formatos escénicos unipersoais.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude subvencionou as pasadas edicións do Singular a través da liña de axudas a festivais de artes escénicas que xestiona a Axencia Galega das Industrias Culturais. O director desta entidade, Jacobo Sutil, participou esta mañá na rolda de prensa xunto cos demais representantes institucionais e demais representantes do equipo organizador e institucións implicadas no proxecto.
Na súa intervención, Sutil salientou que Singular “contribúe a consolidar o monólogo como un formato con enorme capacidade de conexión co público e cun percorrido artístico e profesional que Galicia está a fortalecer desde hai anos”. Subliñou, ademais, que festivais como este “son ferramentas estratéxicas para apuntalar o sector, ampliar oportunidades de distribución e favorecer a presenza das artes escénicas galegas en redes e circuítos internacionais”.
Así mesmo, puxo en valor o traballo do concello naronés a prol da difusión cultural en iniciativas en común coa Xunta de Galicia, como a actividade continuada como escenario destacado da Rede Galega de Teatros e Auditorios ou as sinerxías creadas na súa escola municipal de teatro, que repercuten en todo o ámbito escénico galego.
Carteleira internacional e galega
A 11ª edición do Singular desenvolverá 16 actividades ao longo de 24 días, con 12 espectáculos, dos que sete corresponden a compañías galegas, tres a formacións do resto do Estado e dous son propostas internacionais. O certame comezará o 6 de marzo coa función de El hijo de la cómica, da produtora Pentación, que se presenta como estrea en Galicia, e continuará ao longo do mes cunha carteleira na que conviven nomes recoñecidos do panorama estatal con creación galega e internacional. Incorpora unha segunda estrea na nosa Comunidade, Sahara, da compañía canaria Unahoramenos.
Xunto a estas novidades, a programación inclúe tamén dúas estreas absolutas en España, coa chegada ao certame do espectáculo Ser humana, da actriz e dramaturga uruguaia Angie Oña; e mais a montaxe Girasoles para María, da compañía da creadora cubana Gretel Cazón, reforzando o perfil internacional do festival e a súa capacidade para achegarlle ao público galego producións de procedencias diversas.
Outra das claves que determina o interese artístico do Singular é a defensa e difusión do traballo das compañías galegas e, de maneira moi especial, das montaxes unipersoais creadas e/ou protagonizadas por mulleres. Deste xeito, será posible gozar de propostas de referentes do país como Marta Alonso, Bea Campos ou Mariña Lestón.
A carteleira para a infancia tamén terá cabida con catro pezas de creadoras galegas e obras que camiñan por temáticas como a memoria, os coidados e o respecto á diferenza. Marián González, Alba Bermúdez, Atenea García e Marta Ortiz son as súas protagonistas.
Encontros entre profesionais
A cita medra cada ano no que respecta ao seu compromiso directo co desenvolvemento de proxectos, xa que participa como coprodutor dalgunhas propostas ao longo das súas edicións, co que contribúe ao impulso tanto do tecido creativo galego como do talento local.
Así mesmo, o festival reforza a súa dimensión profesional cunha programación paralela centrada na formación, o encontro sectorial e a internacionalización. Nesta edición inclúense tres accións formativas impartidas por Noemí Rodríguez, Esther Carrodeguas e Angie Oña, ademais dun encontro arredor dos festivais internacionais de artes escénicas e unha rolda de negocios para favorecer o contacto entre axentes da xestión cultural e as compañías galegas. Acollerá tamén unha asemblea da Rede Eurolatinoamericana de Artes Escénicas, REDELAE.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.