Monday 23 de February de 2026

Belén do Campo supervisa as obras de mellora de eficiencia enerxética no polideportivo e na piscina municipal realizadas cun apoio da Xunta de 60.000€


-A delegada da Xunta visitou o Concello para coñecer estas accións realizadas ao abeiro do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local

-A delegada tamén destacou outros dous investimentos do Fondo de Compensación Ambiental que elevan ata os 100.000 euros as axudas concedidas a este Concello, concretamente, máis de 25.000 euros na liña competitiva para o saneamento de Gandarela e case 19.000 da liña non competitiva para a mellora da eficiencia enerxética no local social de Cruído.

A delegada da Xunta da Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Lousame, Esteban Ares, visitou o Concello para coñecer as actuacións realizadas ao abeiro do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local que contou cun apoio 60.000 euros, o máximo que contempla a orde por Concello, para levar a cabo a mellora da eficiencia enerxética do polideportivo da Silva e da piscina municipal. A delegada tamén destacou outros dous investimentos do Fondo de Compensación Ambiental que elevan ata os 100.000 euros as axudas concedidas a este Concello, concretamente, máis de 25.000 euros na liña competitiva para o saneamento de Gandarela e case 19.000 da liña non competitiva para a mellora da eficiencia enerxética no local social de Cruído.

A dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local estaba dirixida á realización de obras de mellora da eficiencia enerxética en edificios de titularidade municipal que se destinen á prestación de servizos ou ao exercicio das súas competencias e vai dirixido a concellos con poboación inferior a 15.000 habitantes, por concorrencia competitiva e cunha dotación para toda Galicia de 5 millóns de euros. Concretamente, na provincia da Coruña recibiron estas achegas, na convocatoria de 2025, 29 concellos por un importe total de 1,6 millóns de euros e na comarca do Barbanza os municipios de Lousame, Porto do Son e Rianxo por unha suma total de case 180.000 euros.
Durante a visita, a delegada comprobou a renovación integral do sistema de auga quente sanitaria (AQS) do pavillón deportivo. Ata o de agora, as instalacións contaban cun sistema pouco eficiente baseado en acumulador e combustión a gas. Coa actuación realizada, instalouse un novo sistema mediante bomba de calor aire-auga con acumulador, que permite aproveitar a enerxía do aire exterior para quentar a auga.
Tal e como salientou a delegada, “esta intervención supón un salto cualitativo en termos de eficiencia enerxética, xa que as bombas de calor aire-auga ofrecen un rendemento moi superior aos sistemas tradicionais de gas, reducindo de maneira significativa o consumo enerxético necesario para producir a mesma cantidade de auga quente”.
Entre as principais vantaxes desta actuación destacan o importante aforro económico na factura enerxética, a redución das emisións de CO₂ e da pegada de carbono, así como unha maior seguridade ao eliminar procesos de combustión e os riscos asociados. Ademais, este tipo de sistemas require un menor mantemento e conta cunha vida útil máis longa en comparación coas caldeiras de gas convencionais.
O polideportivo de Silva constitúe a única infraestrutura deportiva pechada do municipio, polo que desempeña un papel fundamental na dinamización da actividade física e social ao longo de todo o ano. Nel desenvólvense actividades deportivas diversas, torneos e programas como ximnasia de mantemento, moi demandados por colectivos como as persoas maiores.
No marco desta aposta polas enerxías renovables, tamén se optou pola produción de auga quente sanitaria mediante enerxía solar térmica na piscina municipal, unha infraestrutura que rexistra un elevado consumo de AQS durante a tempada estival, especialmente entre os meses de xuño e setembro. Ata o momento, o sistema estaba alimentado por termos eléctricos.
Coa nova actuación instaláronse oito módulos solares térmicos que permiten aproveitar a radiación solar para quentar a auga, reducindo de maneira considerable o consumo eléctrico. “Falamos dunha medida especialmente axeitada para os meses de maior uso da piscina, que lles permite avanzar en eficiencia, sustentabilidade e aforro económico, ao empregar unha fonte de enerxía renovable e gratuíta como é o sol”, destacou a delegada.
Pola súa banda, a piscina municipal presta servizo durante os meses de verán, cunha elevada participación en cursos e actividades acuáticas, converténdose nun recurso esencial para a veciñanza.
A delegada da Xunta puxo en valor o compromiso do Goberno galego coa mellora das infraestruturas municipais e coa transición cara a modelos máis eficientes e respectuosos co medio ambiente, subliñando que “investir en eficiencia enerxética é investir en sustentabilidade, en aforro para as administracións e en mellores servizos para a cidadanía”.
Compromiso coa eficiencia enerxética e o deporte
Con estas actuacións, o Concello reafirma o seu compromiso coa mellora das infraestruturas deportivas e cun modelo de xestión máis eficiente, sostible e respectuoso co medio ambiente. Estas intervencións permiten ofrecer mellores servizos á cidadanía e garantir que as instalacións deportivas cumpran os estándares de calidade e seguridade esixidos na actualidade.
A delegada incidiu na importancia da colaboración entre o Goberno galego e os concellos para levar a cabo actuacións que redunden no benestar da veciñanza. Nesta liña, sinalou que este apoio é fundamental sobre todo nos municipios máis pequenos para que poidan levar a cabo iniciativas que en solitario resultaríalles máis complicado ou non serían posibles.

Deja un comentario