Monday 23 de February de 2026

O CIM Móbil fai parada en Abegondo para reforzar a prevención fronte á violencia de xénero


· O salón de plenos acolleu unha reunión presidida polo alcalde, José Antonio Santiso, coa participación de forzas de seguridade, comunidade educativa, persoal sanitario e técnicos municipais.

Abegondo recibiu, esta mañá, a visita do CIM Móbil (Centro de Información á Muller Móbil) da Xunta de Galicia. Trátase dun servizo itinerante que irá percorrendo os municipios que carecen desta prestación e que o alcalde, José Antonio Santiso, valorou como recurso de “información e prevención fronte a violencia de xénero”. O rexedor apuntou que este tipo de iniciativas “permiten ampliar ou catálogo de servizos para a veciñanza”.

Previamente ao arranque do servizo, o salón de plenos do Concello acolleu unha presentación que correu a cargo do persoal técnico do CIM Móbil. Esta reunión estivo presidida polo rexedor e contou tamén coa intervención do concelleiro, Gustavo Quindimil, do sarxento 1º comandante do posto da Garda Civil en Abegondo, das directoras dos tres centros de ensino do concello (Escola Infantil Municipal Pasiños, CEIP San Marcos e IES de Viós), da matrona do centro de saúde de Abegondo e do persoal técnico municipal da área de Servizos Sociais.

Este encontro serviu para explicar as principais funcións e obxectivos deste servizo posto en marcha desde a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Consellería de Política Social e Igualdade. Entre os mesmos atópanse a atención integral e especializada (psicolóxica e xurídica), o asesoramento e orientación sobre recursos e prestacións dispoñibles, o acompañamento integral e individualizado ás mulleres vítimas, a detección temperá de situacións de violencia e a coordinación con recursos sociais, sanitarios, xudiciais e forzas de seguridade etc. Ademais, a través desta prestación poñeranse en marcha acciones de prevención e sensibilización dirixidas á cidadanía en xeral, novas e comunidade educativa.

En Abegondo, a unidade do CIM Móbil estivo dispoñible ao longo de toda a mañá nas inmediacións do centro de saúde.

Deja un comentario