Monday 23 de February de 2026

Aberto o proceso para cubrir a praza de xuíz de paz substituto para Neda


Búscase xuíz ou xuíza de paz substituto para Neda. O decanato dos xulgados de Ferrol convoca ás persoas interesadas en ocupar ese cargo, ao non ser elixido polo Concello, para proceder “no máis breve prazo posible” á cobertura da praza. Tería que substituír nas súas funcións á xuíza de paz titular nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade que lle impida o exercicio do seu cargo.
As persoas aspirantes deberán estar empadroadas no municipio de Neda, ser maiores de idade, non estar inhabilitadas para o exercicio de cargo público, nin tampouco incapacitadas por sentencia xudicial. Ademais, non poden cobrar na actualidade ningún tipo de retribución do erario público.
Quen cumpra as condicións, e teña interese en ocupar ese cargo, terá que comparecer na oficina de rexistro e reparto dos Xulgados de Ferrol (Servizo común xeral do Tribunal de Instancia de Ferrol), na rúa Coruña.
O edicto que asina o presidente do Tribunal de Instancia de Ferrol detalla que, no momento de presentarse, deberá aportar documentación que acredite o nome, apelidos, DNI, profesión e domicilio, así como se ten desempeñado con anterioridade o posto de xuíz- xuíza de paz ou de substituto destes, os méritos académicos e profesionais que queiran facer valer e o certificado de penais. O anuncio, con rexistro de entrada do 20 de febreiro, poderá consultarse no taboleiro de anuncios municipal durante un mes.

Deja un comentario