• Alerta do bloqueo do convenio colectivo de xardinería e do risco de elaborar uns pregos cunha previsión de custos laborais “irreais” de non terse esta cuestión en conta
• As Non Adscritas reclaman un calendario claro para evitar atrasos na licitación do servizo ante o remate da prórroga o 31 de agosto: “non pode pasar o mesmo que nos centros socioculturais”
A concelleira non adscrita, Mila Castro, interpelará no vindeiro pleno municipal ao goberno local para coñecer o estado de elaboración dos novos pregos do servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e do arboredo municipal.
O actual contrato, renovado en setembro do 2021, e cunha duración de tres anos e e dúas posibles prórrogas, rematará definitivamente o 31 de agosto do 2026, tras esgotarse todos os prazos previstos. Ante este escenario, Castro considera imprescindible que o goberno local aclare en que punto se atopa a redacción dos novos pregos e cal é o calendario previsto para a súa aprobación e licitación.
A concelleira advirte de que os atrasos rexistrados noutras licitacións, como ocorreu co servizo dos centros socioculturais, “obrigan a extremar a planificación para evitar situacións de urxencia que poidan afectar á continuidade do servizo, á calidade do mantemento dos parques e zonas verdes e ás condicións laborais do persoal”: “non pode ser que este goberno local leve todo sempre ao límite, traballe sen planificación e sen anticiparse aos problemas” critica.
Castro reclama tamén información sobre as melloras que se prevén incorporar no novo contrato, “tanto en termos de calidade do servizo como de sustentabilidade ambiental e garantía de dereitos laborais”. Lembra a que fora responsable de Parques e Xardíns durante o pasado mandato, que as necesidades mudaron desde o anterior contrato “xa que se crearon novas zonas verdes que deben ser contempladas nos pregos se queremos garantir un correcto mantemento” como é o caso do Berce do Sar nas proximidades do polígono de A Sionlla.
Bloqueo do convenio colectivo e implicacións na licitación do contrato
A preocupación da concelleira “intensifícase” pola situación do convenio colectivo de xardinería que afecta ao persoal adscrito a este contrato, actualmente bloqueado tras meses de negociacións coa empresa adxudicataria. A representación sindical manifestara publicamente nas últimas semanas que non se produciran avances significativos en materia salarial e de condicións laborais, de feito as persoas traballadoras levan desde o 2025 sen incrementos salariais.
Castro alerta de que, se non se asina un novo convenio antes de pechar os pregos da futura licitación, “podería elaborarse un estudo económico desaxustado á realidade, sen recoñecer os custos laborais actualizados”. Algo que, insiste, “podería hipotecar as condicións do persoal durante anos ou mesmo provocar problemas na adxudicación do contrato, cunha empresa que renuncie por estes desaxustes”, algo que lembra ao que ocorreu co contrato de centros socioculturais.
Así, Castro preguntará no pleno deste xoves polo punto no que se atopa a elaboración dos novos pregos, que melloras técnicas se incorporarán e que medidas está a impulsar o goberno local para contribuír ao desbloqueo do convenio colectivo, “e evitar erros de cálculo nos orzamentos da futura licitación”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.