— O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou hoxe nun encontro con seis cociñeiros de recoñecido prestixio e un experto en viño e gastronomía
— A visita dá continuidade aos lazos creados ao abeiro do evento ‘Artesanía no Prato. O sabor da Galicia en Lisboa’, celebrado o pasado mes de setembro e dirixido a profesionais da cociña, da hostalaría ou do contract do país veciño
— A viaxe incluirá tamén visitas a diferentes obradoiros de Artesanía de Galicia e encontros con reputados chefs galegos para coñecer de primeira man o produto artesán e alimentario de Galicia
— Artesanía no Prato é unha iniciativa pioneira impulsada pola Xunta para incorporar pezas da marca Artesanía de Galicia como soporte da gastronomía que vén de ser galardoado nos últimos Premios Nacionais de Artesanía
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou hoxe nun encontro con destacados prescriptores portugueses no marco do proxecto Artesanía no Prato, unha iniciativa autonómica que busca reforzar a conexión entre a artesanía e a gastronomía.
A xuntanza desenvolveuse no restaurante A Tafona, da cociñeira Lucía Freitas, e contou coa participación dos cociñeiros André Cruz (Feitoria, Lisboa), Gil Fernandes (Fortaleza do Guincho, Cascais), Pedro Lemos (restaurante Pedro Lemos, Porto), Alexandre Silva (LOCO e Fogo, Lisboa), Hugo Candeias (Ofício, Lisboa), Leopoldo Calhau (Taberna do Calhau, Bla Bla Glu Glu e Casa do Calhau) e do divulgador especializado en viño e gastronomía Marcos Lagoa.
Con esta visita, dase continuidade aos lazos creados ao abeiro do evento Artesanía no Prato. O sabor da Galicia em Lisboa, celebrado en setembro do pasado ano e dirixido a profesionais da cociña, da hostalaría, do contract e a prescritores de medios especializados, co obxectivo de impulsar a promoción e a comercialización da artesanía galega no mercado veciño. A viaxe a Galicia tamén tamén diferentes visitas a obradoiros de Artesanía de Galicia e encontros con reputados chefs galegos para coñecer de primeira man o produto artesán e alimentario de Galicia.
Artesanía no Prato, unha iniciativa pioneira
Artesanía no Prato é un proxecto pioneiro en España que incorpora pezas da marca Artesanía de Galicia como soporte dos menús de recoñecidos cociñeiros e cociñeiras, incrementando o seu valor engadido e a súa singularidade. A iniciativa, impulsada pola Fundación Artesanía de Galicia desde o ano 2013, resultou gañadora do Premio Promociona para Entidades Públicas 2025 nos Premios Nacionais de Artesanía.
A proposta integra dous ámbitos estreitamente ligados ao territorio e á produción local —a artesanía e a gastronomía— para que dialoguen e se potencien mutuamente, mellorando a experiencia sensorial do consumidor, engadindo exclusividade e reforzando a identidade de cada chef. O proxecto complétase cun libro homónimo, reeditado en 2025, que funciona como ferramenta de proxección e posicionamento.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.