O BNG de Ribeira celebrou un encontro con algunhas compañeiras e compañeiros nun ambiente marcado pola ilusión e o orgullo polo traballo realizado nos últimos anos. A xuntanza serviu para constatar que existe un apoio moi grande por parte da poboación a Luís Pérez e o seu equipo e para reforzar a determinación de seguir traballando pola veciñanza e polo futuro do concello.
O exalcalde e portavoz nacionalista, Luís Pérez Barral, destacou que “este encontro amosa que hai equipo, proxecto e moitas ganas de seguir construíndo unha Ribeira en grande”. Pérez Barral subliñou tamén que “o apoio que seguimos recibindo na rúa confírmanos que o traballo serio, honesto e con ideas claras deixa pegada”.
Neste sentido, dende a formación informan que o Bloque está medrando coa suma de moitas persoas que están a darse de alta, confirmando que o BNG está forte, cohesionado e preparado para asumir novos retos. “Seguimos aquí, con máis experiencia, máis forza e a mesma vontade de servir á nosa veciñanza”, engadiu.
Desde a organización local remarcan que esta etapa é tamén unha oportunidade para escoitar, sumar propostas e fortalecer un proxecto colectivo que mira ao futuro con ambición e optimismo. “Ribeira, o mellor está por vir” asegurou Pérez Barral.

Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.