O Concello de Oroso, a través da Aula Mentor EducaOroso, oferta dous novos cursos formativos relacionados coas novas tecnoloxías: “Creación de tendas online: e-commerce” e “Internet útil”. A matrícula en calquera dos dous cursos pódese realizar na Aula Mentor EducaOroso (rúa do Deporte 7, Sigüeiro) ou no 981 688 950.
O curso de creación de tendas web é totalmente gratuíto e terá lugar os días 2, 3, 4, 9, 10, 11 e 12 de maio en horario de 11:45 a 14:00 horas. O obxectivo do curso é poñer en marcha unha tenda virtual a través de Opencart, é dicir, crear unha aplicación web que permita aos clientes dun comercio navegar por un catálogo de productos, ver as súas características básicas, seleccionar os que lle interesen e, finalmente, poder realizar un pedido ao comerciante a través da propia aplicación.
Por outra banda, a Aula Mento EducaOroso incorporará á súa oferta formativa a partir do próximo 25 de abril o curso “Internet útil”, que pretende ofrecer solucións a un amplo número de necesidades dos usuarios de Internet a través de software libre ou gratuito que lles permita ampliar as súas destrezas informáticas. O curso presenta un total de 27 actividades e 9 probas de tipo test, tras as cales o alumnado pode realizar unha proba presencial na Aula Mentor que dá dereito a un Certificado de Aproveitamento de 120 horas.