• A concelleira non adscrita aposta por priorizar investimentos estruturais “que teñan máis que ver con servizos e infraestruturas” e por unha planificación sostible que beneficie á veciñanza e ao tecido local
• Insta á Xunta a activar a Comisión Organizadora e reclama coordinación real entre administracións
Mercedes Rosón levará ao vindeiro Pleno municipal unha proposición para reclamar a activación inmediata da Comisión Organizadora do Xacobeo 2027 e impulsar a creación dunha Comisión Especial municipal que permita planificar de forma “estratéxica e sostible” o Ano Santo co obxectivo de que sexa Santiago quen lidere a súa xestión: “é un evento da cidade que non pode xestionarse á marxe das prioridades da súa veciñanza”.
Rosón subliña que o Ano Santo constitúe un acontecemento de relevancia cultural, patrimonial e turística excepcional para Santiago, “xerando importantes oportunidades económicas e sociais, pero tamén retos na súa xestión”. Por iso considera fundamental que a recente activación do Consejo Jacobeo vaia acompañada da reactivación da Comisión Organizadora para o Xacobeo 2027, órgano interadministrativo no que participan a Xunta de Galicia, a Igrexa, o Goberno do Estado e o propio Concello.
Para as Non Adscritas, o Ano Santo Compostelán é un evento da cidade “que debe ser capaz de liderar a súa proxección exterior en colaboración co resto de administracións”. “Na práctica, a Xunta tense apropiado da marca Xacobeo en función dos seus propios obxectivos e, ante isto, Santiago non pode quedar reducido a un mero receptor de peregrinos nin ser marxinado das decisións estratéxicas”, advirte.
Priorizar investimentos estruturais e calidade do destino
A edil non adscrita insiste en que a calidade dun destino turístico, e máis no caso de Compostela, non depende só da programación cultural ou das campañas de promoción, “senón tamén das infraestruturas e servizos públicos” como limpeza, seguridade, transporte ou aparcadoiros. Por iso, aposta por priorizar investimentos estruturais ligados ao Ano Santo “que perduren no tempo e melloren tanto a experiencia turística como a calidade de vida das veciñas e veciños”.
“Máis aló da programación de ocio, o Xacobeo conta xa cun enorme poder tractor pola propia forza da marca e a singularidade do evento” sinala, polo que defende que o prioritario agora debera ser apostar pola calidade do produto e pola sostibilidade, “en coherencia coa filosofía que inspirou a taxa turística”.
Un órgano de participación para coordinar desde o local
A proposición que asina Rosón e que se debaterá no pleno do vindeiro xoves, propón tamén a creación dunha Comisión Especial de carácter municipal para o Xacobeo 2027, integrada por representantes do sector turístico, hostalería, comercio, colectivos culturais e de ocio, asociacións veciñais e a propia Corporación Municipal. Un órgano que tería como obxectivo “garantir a coordinación efectiva entre todos os axentes implicados, anticipar necesidades e definir estratexias de comunicación e promoción”.
Ademais disto, este órgano de participación procurará fomentar a sustentabilidade, “preservar o patrimonio histórico e ambiental e asegurar que os beneficios do Xacobeo revertan de maneira equilibrada na comunidade local”. Rosón insiste tamén en que esta ferramenta permitirá facilitar o acceso á información sobre financiamento, subvencións, patrocinios e deducións fiscais ao tecido local, “promovendo a participación do sector privado e asociativo, e garantindo unha xestión eficiente e transparente dos recursos dispoñibles”.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.