Paco Mivida recibiu hoxe unha máis que merecida homenaxe no Entroido de Mera. As entiades veciñais, coa colaboración do Concello, organizaron un emocionante acto co que se recoñeceu a unha figura histórica do Entroido e da cultura do municipio e da cormaca da Coruña.
Para falar de Paco Mivida hai que remontarse á década dos 50. Naqueles tempos do cuplé, irrumpía no Entroido meracho un mozo da Rúa Cividanes. Era Francisco Álvarez García, Paco Mivida, que cun grupo de amigos empeazaba a cantar polo pobo adiante as letras que el escribía. Pero eran tempos de censura e caciques, e non llas deixaron cantar, e iso que non eran temas políticos: trataban de asuntos cotiás, da mocidade, do fútbol…
Nesa primeira etapa Paco Mivida fundou o Coro Parameiras e cunha ducia de amigos cantaron por toda a bisbarra. Despois, tras asisitr na Coruña aos Apropósitos de Nito (aquelas pezas teatrais breves e satíricas propias do Entroido coruñés), entroulle o gusanillo e fundou as chamadas Retrancas de Mera, grupo que durante varios anos percorreu a comarca das Mariñas interpretando temas locais e tamén foráneos. As Retrancas eran nese formato teatral tan propio do entroido da época, con composicións en prosa e en verso, e incluso tamén con algunha cantiga de letra propia.
Na década dos 60, falaban do aeroporto de Alvedro, da fonte dos Catro Camiños, da expropiación de Canide, e da mareira que tirara media estrada fronte á Farmacia de Mera. Unha exquisitez de crítica pura e dura.
Despois viñeron os anos 70 e o Entroido morreu. Xa non había comparsas, tan só uns choqueiros, ata que no ano 1972, un mercante queda varado na praia de Bastiagueiro. Ese barco traía madeira, fariña, tabaco, miles de latas de manteiga,… pero tamén uns bidóns de pesticida, que ao bater contra os cantís rompían, provocando a morte de centos de peixes. Pois ben, Paco Mivida tomou boa nota da traxedia e fixo unha obra de teatro, a que chamou “Operación Bidón”, e con Retrancas de Mera fixo as ledicias do público por toda a comarca, sendo un éxito total.
Nos anos 80 o Entroido resucitou, volveron as comparsas, e Paco ademais de ser letrista para unha comparsa de Sada, montou xunto cuns amigos a “Comparsa Os Merachos” que tivo unha grande aceptación, percorrendo infinidade de pobos e as rúas da Coruña, onde conseguiu varios premios. Pero sen deixar a súa querida “Retrancas de Mera”, coa que tamén actuaron no Teatro Colón nos “Apropósitos de Nito”, deixando moi bon sabor de boca e o listón moi alto, tanto pola crítica, como pola posta en escena. Todo un éxito.
Nos anos 90 Paco Mivida seguiu a escribir letras para outras formacións que saían no Entroido, sempre cunha escritura coidada e ben versada. Ata se atrevía coa poesía.
Paco Mivida, pasará a historia do Concello de Oleiros e da comarca da Coruña, por ser un home moi polifacético. Ademais de destacado letrista de comparsas de Entroido, cunha retranca fina e sutil; tamén será lembrado sempre en toda Galicia grazas á súa participación na Televisión de Galicia, onde tan ben contaba aqueles chistes que o caracterizaban, que lle serviron para ganar un concurso e traer o coche que daban de premio. Quen non se ten rido ou chorado de risa coa obra do Estebiño?
Por iso as entidades de Mera quixeron render homenaxe á súa figura, por tanto como aportou Paco Mivida á cultura e ao entroido meracho, oleirense e coruñés.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.