▪ O Local Social de Quintas acolleu hoxe, sábado 21 de febreiro, a última xornada dos obradoiros de alimentación saudable.
▪ O alcalde, Sergio Platas, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisa Abrodos, acompañaron á rapazada na súa última clase.
O Concello de Paderne clausurou na mañá de hoxe, sábado 21 de febreiro, o programa de ‘Cociña divertida’ celebrado no Local Social de Quintas. O alcalde, Sergio Platas, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisa Abrodos, uníronse á rapazada nesta última sesión do programa, impartida polo chef Miguel Montero Coello.
Os cursos, que se levan impartindo todos os sábados desde mediados de xaneiro de 2026, estaban enfocados en transmitir os beneficios dunha alimentación saudable para o estudantado de 6 a 16 anos empadroado en Paderne.
Durante case dous meses, a rapazada asistente puido adquirir coñecementos sobre os produtos de proximidade, os sabores de cada alimento e como combinalos para crear un prato delicioso. Pasar da teoría á práctica brindoulles a oportunidade de aprender a manexar distintas técnicas gastronómicas como auténticos profesionais da cociña.
Este non é o primeiro ano que o Concello lanza os talleres de ‘Cociña divertida’, senón que xa leva varias edicións nas que, en palabras do rexedor, “hai un éxito de participación absoluto”. O principal motivo, tal e como sintetizaba o primeiro edil “débese a que os rapaces e as rapazas, poden ver a cociña como algo divertido á vez que educativo; aprenden a observar, escoitar e cociñar, desde a diversión”.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.