Friday 22 de November de 2024

Corenta nenos e nenas da escola infantil de Brión conmemoran o Día do Libro visitando a Biblioteca Pública Municipal e a Aula CeMIT


Un total de 40 nenos e nenas da Escola Infantil de Brión de entre 2 e 3 anos participaron esta mañá nunha visita á Biblioteca Pública Municipal e á Aula CeMIT, unha actividade encradada dentro da programación do Concello de Brión para conmemorar o Día Libro.

Ao chegar á carballeira de Santa Minia, os cativos dividíronse en dous grupos que percorreron de xeito paralelo tanto o centro de lectura coma a aula de novas tecnoloxías. No primeiro caso, os pequenos puideron coñecer a sala de lectura infantil, botarlle un ollo aos libros dispoñibles e xogar coa mascota da Biblioteca, o camaleón Paco Sifón.

Namentras, na aula CeMIT os pequenos puideron ver o funcionamiento deste espazo da man do encargado destas instalacións, Antonio Casal, a quen os pequenos xa coñecían das clases de informática que reciben semanalmente. A visita finalizou cun tempo de lecer na carballeira de Santa Minia. A directora da Escola Infantil de Brión, Dolores Campos, valorou moi positivamente esta actividade, cuxo principal obxectivo é que “os cativos coñezan o seu entorno máis inmediato”, aproveitando as distintas unidades didácticas coas que se traballa na gardería, ao tempo que fomentan o hábito da lectura.

Programación do Día do Libro

Esta visita é o primeiro dos actos programados polo Concello de Brión co gallo da conmemoración do Día do Libro. O seguinte tivo lugar esta mesma mañá no CEIP Pedrouzos, coa representación de “O espantallo amigo” por parte do grupo de teatro Os Quinquilláns. Unha homenaxe a Xosé Neira Vilas na que todos os pequenos recibiron como agasallo un libro do escritor de Vila de Cruces cortesía da Editorial Galaxia.

Os actos do Día do Libro culminaranse mañá sábado 23 de abril coa actividade “Manuel María na túa voz”, unha iniciativa promovida pola Fundación Manuel María consistente na lectura pública da obra do poeta da Terra Chá na que poderán participar todos os veciños e veciñas que o desexen: ben lendo un texto, ben escoitando a quen o lea. A cita é na biblioteca municipal de Brión ás 12:00 horas.