Monday 23 de February de 2026

O Concello de Ribeira celebra unha nova edición da Semana de Rosalía cunha ampla programación cultural e educativa


Como xa é costume en Ribeira, a última semana de febreiro convértese na gran festa dedicada á figura de Rosalía de Castro. O Concello presenta unha ampla programación dirixida a todos os sectores da poboación, con actividades institucionais, educativas, culturais e gastronómicas que renderán homenaxe á insigne poeta galega.

Os actos comezarán o 23 de febreiro, coincidindo coa data do nacemento de Rosalía, cunha homenaxe pública que terá lugar ás 12.00 horas nos exteriores da Casa da Xuventude. Durante o acto procederase á plantación dunha roseira na súa memoria e convidarase a participar a toda a cidadanía. A xornada estará acompañada polo son da gaita, que interpretará unha alborada para convocar ao público asistente e, ao remate dos discursos institucionais, soará o Himno Galego.

Ese mesmo día, a Biblioteca Pública Municipal de Ribeira acollerá unha exposición bibliográfica dedicada á autora, co obxectivo de afondar no coñecemento da súa obra e legado.

Tamén o 23 de febreiro, a hostalería local súmase á conmemoración a través da iniciativa “Caldo de Gloria”, promovida pola Fundación Rosalía de Castro. Os establecementos A Recoveira, O Castelao, Tagen Ata, Cocoluche e Zum-Zum ofrecerán á súa clientela esta tapa gratuíta, contribuíndo así á popularización da celebración.

A programación continuará o mércores 26 de febreiro cunha destacada actividade de promoción da lingua galega dirixida ao público escolar.
Ás 11.30 horas, o Centro Cultural Lustres Rivas acollerá o concerto “Rosalía pequeniña”, da recoñecida artista Uxía Senlle. Ao redor de 500 nenos e nenas de 1º a 3º de primaria de todos os centros de ensino de Ribeira asistirán acompañados polo seu profesorado.
Como parte do traballo previo nas aulas, o alumnado está a aprender de memoria o poema “No bico un cantar”, co fin de interpretalo de maneira conxunta durante o espectáculo. Ademais, parte do público infantil subirá ao escenario e tamén profesorado participante compartirá actuacións coa artista. Durante o concerto repartiranse chapas conmemorativas e cada neno e nena levará para a casa un mantel individual do “Caldo de Gloria”, facilitado pola Fundación Rosalía.

Xa pola tarde, ás 20.00 horas, o Centro Cultural Lustres Rivas acollerá a tradicional lectura pública dos versos de Rosalía, un dos actos máis agardados da programación. A iniciativa conta coa colaboración do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira e está aberta á participación de todas as persoas que desexen sumarse a esta homenaxe colectiva arredor da obra da poeta.

A programación pecharase o sábado 28 de febreiro cunha proposta para o público familiar. Ás 12.00 horas, o Centro Cultural Lustres Rivas será escenario do espectáculo “Dende Rosalía”, da compañía A Xanela do Maxín, dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos e ás súas familias.

A través da narración oral, o espectáculo propón un percorrido polas autoras homenaxeadas nas Letras Galegas desde 1963, achegando a literatura galega ás persoas máis novas dun xeito didáctico e participativo. As inscricións poden realizarse no correo electrónico normalizacion@ribeira.gal

Con esta completa programación, o Concello de Ribeira reafirma o seu compromiso coa promoción da lingua e cultura galegas, convertendo un ano máis a cidade nun punto de encontro arredor da figura e legado de Rosalía de Castro.

Deja un comentario